Opinión

Onde fica o dereito dos palestinos a unha vida digna?

O pasado 10 de maio Israel iniciou a cuarta ofensiva militar dos últimos 13 anos sobre a franxa de Gaza, que finalizou tras once días de bombardeos con 254 palestinos mortos, case 2.000 persoas feridas e numerosas infraestruturas destruídas. No conflito tamén morreron doce israelís. 

Israel xustificou os ataques polo lanzamento de mísiles por parte de Hamas, mais obvia o acontecido nas semanas previas: o proceso de desafiuzamento de varias familias no barrio de Sheikh Jarrah en Xerusalén Este e a irrupción das forzas israelís na Explanada das mesquitas, o terceiro lugar máis sagrado para o islam, provocando centenares de feridos e numerosos detidos.

E, por suposto, obvia 73 anos de opresión sobre o pobo palestino. As raíces, pois, da última escalada bélica hai que procuralas en 1948 coa constitución do Estado de Israel e na posterior ocupación militar e colonialismo israelí.

A comezos do século XX a comunidade xudía era só o 6% da poboación. En 1948 750.000 palestinos son expulsados das súas terras no episodio coñecido como Nakba (Catástrofe) e Israel faise co 78% da Palestina histórica. O 22% restante dividiuse entre a franxa de Gaza e Cisxordania.

En 1967 Israel ocupa toda a Palestina histórica e expulsa a máis de 300.000 palestinos das súas casas. Desde entón medran os asentamentos israelís en terra palestina, nunha flagrante violación da Convención de Xenebra, e hoxe hai arredor de 700.000 colonos vivindo nuns 250 asentamentos ilegais a ollos da comunidade internacional en Cisxordania e Xerusalén Este, coa cidadanía israelí e subsidios do goberno.

No que hoxe é Israel, declarado Estado-nación xudeu en 2018, viven 1.8 millóns de palestinos (20% da poboación), que malia ter a cidadanía israelí son discriminados e considerados cidadáns de segunda.

En Cisxordania viven 2,7 millóns de palestinos e a Autoridade Palestina controla só o 18% do territorio, Israel o 60% e o restante 22% permanece baixo control conxunto. Mentres a liberdade de movemento dos palestinos vese fortemente limitada polos postos de control, os israelís poden circular por boas estradas que conectan os asentamentos ilegais ás cidades dentro de Israel. 70.000 palestinos cruzan cada día os postos de control israelís para traballar en Israel debido á alta taxa de desemprego nos territorios palestinos, consecuencia da ocupación israelí.

Desde 2002 Israel construíu un muro de 700 km que levou consigo a confiscación de importantes partes de terra fértil palestina, a conversión de vilas palestinas en guetos e a dificultade para acceder aos servizos sociais, á escola e ás terras de labranza de milleiros de palestinos.

A franxa de Gaza é unha das áreas máis densamente poboadas do mundo e leva baixo bloqueo marítimo e aéreo desde 2007, ano da chegada ao poder de Hamas. As ofensivas israelís desde 2008 custaron a vida a 5.739 palestinos e a 251 israelís, e 121.438 palestinos feridos por 5.682 israelís. Case o 70% da poboación de Gaza son refuxiados, 1,4 millóns do total de 5,6 millóns de refuxiados.

Mais as ansias expansionistas de Israel non teñen acougo e o primeiro ministro Benjamin Netanyahu anunciou o ano pasado que está disposto a anexionar até un 30% de Cisxordania, incluído o val do Xordán, nunha actuación que contaba co beneplácito dos EEUU no marco do “Plan do século”, plan de paz proposto por Donald Trump sen contar cos palestinos.

Mentres Israel prosegue coa súa política xenocida, a comunidade internacional mira cara a outro lado e EEUU exerce de importante apoio no terreo e nas Nacións Unidas, onde nas últimas cinco décadas bloqueou cando menos 53 resolucións do Consello de Seguridade críticas con Israel.

Tras once días de asedio, nos que o pobo palestino amosou unha unidade nunca antes vista, acadouse unha fráxil tregua, que os palestinos celebraron como unha vitoria, e é que malia a opresión, Israel non consegue derrotar a moral, a dignidade e a determinación deste pobo.

Mentres Israel, sen interese ningún en acadar a paz, prosegue coa súa campaña de limpeza étnica, os seus grandes aliados alegan o dereito de Israel á propia defensa. Mais onde fica o dereito dos palestinos a unha vida digna?

Comentarios