Opinión

Myanmar, camiño do estado falido

O pasado 1 de febreiro cumpriuse un ano desde o golpe de Estado do exército de Myanmar. Xustificándose na suposta fraude nas eleccións de novembro de 2020, que deran unha contundente vitoria á LND de Suu Kyi, o Tatmadaw puxo fin ao experimento semidemocrático iniciado en 2011. 

O golpe de estado prodúcese para protexer os intereses militares e apartar a Suu Kyi da política, pois a LND xa deixara claro na anterior lexislatura que tiña o propósito de reducir o enorme poder político e económico do Tatmadaw.

Centos de milleiros de persoas rebeláronse pacificamente contra o golpe en todo o país, con multitudinarias protestas públicas e a constitución do Movemento de Desobediencia Civil.

A partir de marzo a represión do exército esténdese, contabilizándose a día de hoxe máis de 1.500 mortes e case 12.000 detencións. Ademais, moitas persoas vense obrigadas a agocharse ou fuxir.

No medio da axitación nacional, os enfrontamentos entre o exército e grupos étnicos armados recrúan e o Tatmadaw ten que facer fronte a grupos armados de resistencia, as Forzas de Defensa do Pobo, que xorden como consecuencia da brutal represión do exército.

As guerras civís, até agora localizadas principalmente nas rexións fronteirizas das minorías étnicas, esténdense por todo o país e ás zonas urbanas. O exército ten que facer fronte agora á resistencia en zonas do país da maioría étnica bamar, zonas que antes eran pacíficas.

O Tatmadaw, ben coñecido pola súa brutalidade, conta cuns 400.000 efectivos armados, sendo o segundo exército máis grande do sueste asiático, despois de Vietnam, e o undécimo exército profesional do mundo.

A poboación local é aterrorizada para así cortar as bases de apoio á insurxencia (financiamento, alimentos, información e recrutamento) na famosa estratexia dos "catro cortes", empregada durante décadas polo Tatmadaw para combater os exércitos das minorías étnicas.

A consecuencia é o gran número de persoas desprazadas e refuxiadas. Desde o golpe de estado producíronse 230.000 desprazamentos, que se unen ás máis de 500.000 persoas desprazadas internas vítimas de décadas de conflito entre o Tatmadaw e os exércitos das minorías étnicas rexistradas a finais de 2020.

Myanmar sofre unha importante crise humanitaria, con milleiros de persoas vivindo na selva e nas montañas, con necesidades de refuxio, alimentos, educación, medicinas e asistencia médica. Mais a axuda é insuficiente debido á redución da presenza de organizacións non gobernamentais internacionais no país desde o golpe de estado e a que as forzas de seguridade están dificultando enormemente a axuda humanitaria.

A economía atópase paralizada, varios millóns de persoas pasan fame, e a todo isto hai que engadirlle o impacto da Covid-19 nun país onde a finais de 2021 menos do 10% dos 54 millóns de habitantes estaba completamente vacinado.

A xunta militar sumiu a Myanmar nunha profunda crise política, social e económica, camiño de converter o país nun estado falido.

Comentarios