Opinión

A inaceptábel e evitábel invasión rusa de Ucraína

Opinión

A inaceptábel e evitábel invasión rusa de Ucraína

O 24 de febreiro o presidente ruso Vladimir Putin lanzou unha "operación militar especial" e tropas rusas penetraron en Ucraína nun ataque por terra, mar e aire. O conflito, que deixará enormes consecuencias, marca o comezo dunha nova era xeopolítica.
Esta invasión dun país soberano, que procura o desmantelamento do Estado ucraíno, é unha actuación inaceptábel. Mais cómpre denunciar a groseira manipulación dun conflito que presenta unha maior complexidade.
Durante o proceso de disolución da URSS, o secretario de Estado James Baker prometeulle ao líder soviético Mikhail Gorbachev que a OTAN non se ampliaría nin unha polgada cara Rusia. Mais desde entón a OTAN veu cercando a Rusia con cinco ampliacións e 14 novos membros, incorporando a práctica totalidade de países que formaban parte da URSS ou da súa órbita no este de Europa, a excepción de Bielorrusia, aliada de Moscova, e Ucraína.

A miopía de EEUU e a UE fixo que en lugar de contar con Rusia para construír un sistema de seguridade para todos, apostaran por unha política de confrontación, especialmente intensa desde 2014. En particular desde a chegada de Donald Trump, a prioridade de EEUU na esfera internacional está en enfrontarse á ameaza que supoñen Rusia e China. Para EEUU e a UE sería aconsellábel manter boas relacións con Rusia, para por unha banda illar a China, e por outra garantir as necesidades enerxéticas de Europa, mais preferiron o acoso.

En 2014 tivo lugar en Ucraína un golpe de Estado instigado e apoiado por EEUU, orixinado tras a negativa do presidente pro-ruso Viktor Yanukovych a asinar un acordo de integración económica coa UE, que rematou coa súa destitución e a anexión rusa de Crimea. Os sucesivos gobernos ucraínos, rusofóbicos, non respectaron os acordos de Minsk (2014 e 2015) para poñer fin ao conflito na rexión rusófila de Donbass e o conflito deixou desde entón 14.000 mortos.

Rusia vén esixindo con insistencia garantías para a súa seguridade e trazou unha liña vermella sobre Ucraína, a quen EEUU pretende integrar tanto na OTAN como na UE. A súa incorporación á OTAN supón unha grave ameaza para a seguridade nacional rusa, pois os mísiles da alianza poderían acadar Moscova en cinco minutos e cabería a posibilidade de situar armas nucleares no país veciño.

A preocupación de Rusia é totalmente razoábel. EEUU nunca aceptaría a colocación de armamento ruso en México. En 1962, cando a URSS propuxo instalar mísiles en Cuba, EEUU advertiu que empregaría todos os medios para defenderse, armas nucleares incluídas, desatándose a "crise dos mísiles" que puxo ao mundo ao bordo dun enfrontamento nuclear de consecuencias devastadoras.

Este conflito puido terse solucionado a través do diálogo e a diplomacia. EEUU, a UE e a OTAN negáronse a garantir a seguridade rusa e utilizaron como un peón de xadrez a un país, Ucraína, que agora vese soa, con armamento da OTAN mais sen tropas no terreo, facendo fronte á intervención militar rusa.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios