Opinión

Cara a onde camiña Tunisia?

En xaneiro de 2021 Tunisia celebrou o décimo aniversario da Revolución dos Xasmíns, que provocou a fuxida de Ben Ali e desencadeou a Primavera Árabe, nun ambiente de enfado, frustración e decepción xeralizada debido á inestabilidade política e social e a grave crise económica.

Mais a gota que encheu o vaso do pobo tunesino foi a nefasta xestión da pandemia. A Covid agravou a situación económica e golpeou con dureza, convertindo a Tunisia, onde só o 8% da poboación estaba vacinada, no segundo país do mundo con máis incidencia e cunha das peores taxas de mortalidade.

A finais de xullo os tunesinos enchen as rúas das principais cidades do país para esixir a saída do goberno e a disolución do Parlamento. Responsabilizan en gran medida a Ennahda (islamista), actor clave da política tunesina desde 2011, da difícil situación do país, e as súas sedes sofren ataques en varias cidades.

O 25 de xullo, o Presidente Kais Saied, amparándose no descontento da poboación, destitúe o primeiro ministro Hichem Mechichi, suspende o Parlamento, e retira a inmunidade parlamentaria dos deputados, asumindo a práctica totalidade da autoridade executiva. Saied afirma que é o único camiño para rematar coa parálise gubernamental tras anos de disputas políticas e estancamento económico.

Mentres a maioría de partidos, temendo a volta dunha autocracia, califican esta iniciativa de "golpe de Estado", outras formacións considerana unha "rectificación" da revolución de 2011. A decisión de Saied recibe o apoio de boa parte da poboación, que non oculta o seu disgusto cos políticos e os partidos políticos, así como co deficiente funcionamento das institucións.

Mais todo parece indicar que Saied, quen obtivo nas eleccións de 2019 o 73% dos votos nun proceso electoral onde se presentaba como un candidato sen partido, conseguindo atraer cun discurso populista tanto a laicos como a islamistas, valeuse do enorme malestar social para dar satisfacción ás súas ambicións persoais. Saied era moi crítico cunha constitución (2014) que lle impoñía moitos límites e o seu desexo por pasar a un sistema presidencialista era manifesto.

Tras dous meses de incertidume, Saied designa como primeira ministra a Najla Bouden, unha alta funcionaria practicamente descoñecida, que se converteu na primeira xefa de goberno no mundo árabe. E en decembro anuncia que en xullo deste ano terá lugar un referendum para unha nova constitución e en decembro unhas eleccións parlamentarias. Isto provoca a ira de varios partidos que se manifestan contra a conxelación do parlamento durante un ano máis.

O poderoso sindicato UGTT, que inicialmente apoiou as medidas de Saied, mais xa amosara o seu temor polos logros democráticos acadados debido á súa excesiva reticencia en anunciar unha folla de ruta, considera que esta non garante a volta á democracia.

2021 engadiu incertidume a un proceso que presentaba moitas incógnitas e dúbidas. 2022 irá clarificando cara onde se dirixe Tunisia.

Comentarios