Opinión

A agonía do Iemen (e II)

M ohammed bin Salman, príncipe herdeiro da coroa saudita e gobernante de facto do reino, sempre pensou que a intervención no Iemen remataría moi rápido, debido ao potencial militar da coalición. Os seus plans pasaban por acadar unha tregua axiña e forzar os hutíes a sentar na mesa de negociación. Mais nada disto aconteceu.

En resposta á intervención saudí, Irán reforza o seu apoio aos hutíes, transformando un conflito doméstico nunha ´proxy-war´ internacional, onde dous grandes poderes rexionais, Irán e Arabia Saudita, apoian bandos diferentes nunha guerra nun terceiro país. 

O Iemen consómese desde entón nunha sanguenta guerra civil, exacerbada e sostida pola intervención estranxeira. Mentres a coalición liderada por Arabia Saudita somete o país a intensos e desapiadados bombardeos desde marzo de 2015 (máis de 19.000 ataques entre 2015 e 2019), grupos de dereitos humanos denuncian a morte de milleiros de civís, como consecuencia dos ataques aéreos da coalición contra obxectivos non militares (mercados, escolas, hospitais, vodas, funerais…).

En 2017 racha a alianza entre Saleh e os hutíes, despois de loitar durante 3 anos contra as forzas lideradas por Arabia Saudita. Saleh amósase disposto a falar coa coalición para buscar a fin do conflito, mais os hutíes considérano unha traizón e asasínano dous días despois.

Mais o Goberno de Hadi ten que facer fronte a outra ameaza, a do movemento separatista do sur, apoiado financeira e militarmente polos Emiratos Árabes Unidos (EAU) contra o desexo de Arabia Saudita. Esta situación parece amosar unha lixeira fenda entre dúas importantes pezas da coalición, Arabia Saudita e EAU, pois cada país procura os seus intereses e aquí maniféstase que non sempre coinciden.

A presenza de Al Qaeda e o Estado Islámico engaden unha maior complexidade a un escenario xa de por si complexo

Hai moitas guerras en Iemen, e outros dous importantes actores veñen aproveitándose da inestabilidade política para fortalecerse, Al Qaeda e o Estado Islámico, o que engade unha maior complexidade a un escenario xa de por si ben enmarañado. Moitos iemenís ven os EEUU e outras potencias mundiais como responsábeis do seu sufrimento, pois se ben os pilotos que deixan caer os proxectís non son norteamericanos, os avións e as bombas si o son, polo que moitos están radicalizándose e uníndose a estas organizacións.

E no medio deste brutal conflito, millóns de iemenís loitan por sobrevivir. A guerra xa deixou 233.000 mortos (ONU), máis de 4 millóns de persoas desprazadas (Acnur), máis de 20 millóns sofren inseguridade alimentaria (Acnur), a expansión de enfermidades como o peor brote de cólera nunca antes rexistrado, con máis dun millón de casos (OMS)…

O Iemen ten 29 millóns de habitantes, dos que 24 dependen dalgún tipo de axuda humanitaria, incluídos máis de 11 millóns de nenos, a práctica totalidade (Unicef). E desgraciadamente a axuda humanitaria aínda foi utilizada como arma de guerra, xa que cada parte do conflito foi acusada de ter violado a lei internacional e humanitaria. En 2015 a coalición encabezada por Arabia Saudita bloqueou o país por terra, mar e aire facendo case imposíbel a entrada de provisións, mentres os hutíes tamén foron acusados de bloquear, destruír ou apropiarse da axuda. E a poboación iemení precísaa desesperadamente.

Aínda se a guerra rematase pronto, Iemen terá que loitar co seu legado nas vindeiras décadas

O único xeito de aliviar o sufrimento da poboación iemení é poñer fin a guerra. Mais é posíbel a paz no Iemen? O país está hoxe máis fragmentado que nunca. Os hutíes non están dispostos a retroceder, milicias no sur apostando pola independencia, Al Qaeda e o Estado Islámico envalentonados... E o peor de todo, a maior crise humanitaria do planeta está recibindo moi pouca atención na maioría do mundo.

Aínda se a guerra rematase pronto, Iemen terá que loitar co seu legado nas vindeiras décadas. Mais malia a catástrofe humanitaria na que se converteu o Iemen, moitos dos seus habitantes lembran que o nom do seu país está unido con Al-Yaman, palabra árabe que representa a felicidade, e que os romanos chamaron a estas terras “Arabia feliz”, polo que aínda manteñen a esperanza nun futuro de paz, prosperidade e… felicidade.

Comentarios