Opinión

Afganistán, incerto futuro (e II)

Polo menos 2,7 millóns de afgáns víronse obrigados a fuxir do país, converténdose en refuxiados en Pakistán, Irán e outros países, aos que hai que sumar 4 millóns de desprazados internos. O país ocupa o posto 177 de 180 no ranking mundial de corrupción e continúa producindo enormes cantidades de opio. A taxa de pobreza vén aumentando e máis da metade da poboación vive baixo o limiar da pobreza, cando en 2012 era o 37%. E polo menos 18,4 millóns de persoas, a metade da poboación, precisan asistencia humanitaria, incluíndo máis de 3 millóns de nenos en risco de desnutrición aguda.

EEUU, que gastaron neste conflito 2,26 trillóns de dólares, pon fin á guerra máis longa da súa historia ante a constatación de atoparse empantanados nun conflito que nunca serán quen de gañar, unha “guerra interminábel”. Para os diferentes presidentes dos EEUU Afganistán converteuse nunha pesada carga.

Moito mudaron as cousas desde que George W. Bush declarara a guerra global contra o terror, poñendo no punto de mira o terrorismo xihadista. Co paso do tempo, a orde de prioridades para a Administración estadounidense mudou e actualmente está máis preocupada polos desafíos que representan potencias como Rusia ou China.

Todo isto fixo que, a ollos dos EEUU, os talibán pasaran de ser unha organización terrorista que supuña unha ameaza global a converterse en interlocutores válidos negociando en plano de igualdade, primeiro co Goberno norteamericano e logo co afgán.

Mais a retirada das tropas estranxeiras abre numerosos interrogantes. As tropas gubernamentais están sendo incapaces de conter o avance talibán e, malia as promesas de apoio dos EEUU e a confianza manifestada publicamente polo presidente Ashraf Ghani, a volta dos talibán ao poder é unha posibilidade real, coas conseguintes incertezas en canto ás consecuencias que isto pode ter en relación aos dereitos da muller, das minorías…

As conversas entre o Goberno e os talibán non presentan avances desde que se iniciaron o 20 de setembro do ano pasado, polo que as perspectivas de paz e estabilidade son escasas. Desde o acordo cos EEUU os talibán non atacaron as tropas estranxeiras mais produciuse un aumento da violencia entre os talibán e as forzas afgás, intensificada aínda máis despois de que en maio os EEUU e a OTAN comezaran a retirada dos últimos 10.000 soldados (3.000 dos EEUU e 7.000 da OTAN), convertendo o mes de xuño no máis mortífero para as forzas afgás dos últimos 20 anos.

Os talibán, envalentonados pola retirada das tropas estranxeiras, tomaron desde maio importantes zonas do país, moitas de grande importancia estratéxica (fronteiras cos veciños países de Asia central) e en non poucos casos sen sequera combates, e rodean xa as capitais provinciais, facendo saltar todas as alarmas e aumentando o temor de que o Goberno afgán poida colapsar en meses.

O rápido avance talibán, incluído no norte dominado por minorías étnicas e tradicional baluarte dos antigos líderes muxahidin, os señores da guerra, poderosos en Afganistán desde a caída dos talibán en 2001, propiciou a acción desesperada do Goberno afgán de armar voluntarios locais e revivir milicias cunha historia de violencia brutal para axudar as forzas de seguridade. Isto supón a admisión do fracaso das forzas de seguridade e aviva os temores a reproducir os conflitos da década dos 90.

Os talibán, que se definen como insurxentes que loitan contra a ocupación estranxeira, contra un goberno “ilexítimo e títere” sen poder real e que desexan voltar a Afganistán a unha sociedade máis puramente islámica, confían en acadar o poder a través das armas, malia as palabras a prol da paz dos seus portavoces. Moi ben organizados baixo o liderado do Mullah Hibatullah Akhundzada, son un movemento maioritariamente pastún, etnia predominante en Afganistán co 42% da poboación, se ben entre as súas filas tamén hai uzbekos, baluchis, taxikos e algúns hazaras, e contan cuns 200.000 membros. 

Por se isto non fora suficiente, cómpre non esquecer a ameaza que representan Al Qaeda, cuns 500 combatentes en Afganistán e vínculos próximos cos talibán, segundo un informe recente da ONU, e un cada vez máis activo e mortal Estado Islámico.

Comentarios