Opinión

100 días de goberno talibán

O martes 23 de novembro Afganistán, moi lonxe xa do foco mediático, cumpriu 100 días baixo goberno talibán sen que ningún país recoñecese oficialmente a súa autoridade. Durante este tempo a situación económica e social do pobo afgán, que xa era moi dura con anterioridade, non fixo máis que empeorar.

Malia que os talibán veñen sendo moi comedidos nas súas declaracións públicas, na procura do necesario recoñecemento internacional do Emirato Islámico, a realidade no terreo é moi diferente. Se ben hai que recoñecer que neste tempo non están acadando os niveis de crueldade dos anos 90, o corpus ideolóxico talibán non mudou, e pouco a pouco, como era de agardar, van implantando os ríxidos códigos propios da súa estrita visión do islam.

Nunha clara declaración de intencións, o ministerio da muller foi substituído polo ministerio da propagación da virtude e prevención do vicio.

No ámbito laboral as mulleres non poden retomar o traballo, agás na sanidade e algunha outra actividade moi concreta, e no ámbito da educación as mulleres volveron, con restricións, ás universidades, mais as rapazas non puideron volver á escola secundaria.

Por outra banda, existe unha absoluta carencia de directrices claras e concretas en case calquera ámbito da acción gubernamental, incluídos os temas económicos ou de dereitos humanos, e xorden moitas incógnitas sobre a capacidade dos talibán para xestionar un país.

A economía afgá, que era totalmente artificial e dependente, colapsou como consecuencia da retirada do apoio internacional. Washington conxelou activos por valor de 9.500 millóns de dólares pertencentes ao banco central afgán e a axuda estranxeira, que baixo o anterior goberno representaba o 43% do seu PIB e o 75% do gasto público, agora é inexistente.

O Estado está financeiramente en quebra e os funcionarios levan meses sen cobrar os seus salarios. Existe unha escaseza de diñeiro en efectivo con límites na retirada nos bancos, o que xunto co derrubamento da moeda afgá, o afgani, ven provocando unha importante alza dos prezos.

O pobo afgán, realmente en apuros, está sufrindo as consecuencias do illamento do Emirato. O 90% da poboación vive por debaixo do limiar da pobreza e a porcentaxe incrementarase até o 97% o vindeiro ano se as cousas non mudan. A práctica totalidade dos 40 millóns de habitantes do país non ten suficiente comida (o 95% da poboación), segundo o Programa Mundial de Alimentos das Nacións Unidas. E máis da metade da poboación, 23 millóns de persoas, está en risco de fame, incluídos 3 millóns de nenos e nenas menores de 5 anos.

Se ao estado da economía lle engadimos a terríbel seca que padece o país nos últimos tempos e a chegada do inverno, temos a combinación perfecta para unha enorme catástrofe humanitaria. Nas cidades xurdiron xa hai tempo mercados de segunda man onde os afgáns venden todo tipo de obxectos persoais para subsistir, chegando a desesperación a tal grao que xa se rexistraron casos de venta de nenas.

Noutra orde de cousas, os talibán prometeron que a súa chegada ao poder traería a paz e a seguridade a Afganistán, mais non están sendo quen de cumprir a promesa. Unha filial do ISIS, o Estado Islámico do Khorasan, converteuse na maior ameaza para os talibán e incrementou os seus ataques desde que estes tomaron Kabul. O ISIS-K é responsábel do ataque suicida no aeroporto internacional de Kabul que matou máis de 180 persoas, dun ataque nun hospital militar de Kabul que matou cando menos 25 persoas, e de 2 ataques a mesquitas xiítas en Kunduz e Kandahar onde faleceron arredor de 130 persoas, entre outros. Un dos maiores desafíos dos talibán é enfrontarse a esta violencia, da que non hai moito eran responsábeis.

Os talibán din que as cousas están comezando, que precisan tempo. Mais agora mesmo a poboación afgá non ten tempo, as súas vidas están en xogo e despois de 100 días no poder hai moitas incertezas sobre o futuro de Afganistán, que tanto os talibán como a comunidade internacional, especialmente aqueles responsábeis da actual desfeita, terán que resolver. A perspectiva para o pobo afgán é desalentadora.

Comentarios