Opinión

85

Castelao explica no Sempre en Galiza que somos unha nacionalidade “e como tal foi recoñecida en Berna polo IX Congreso das Minorías Nacionais Europeas, adscrito á Sociedade das Nacións”. Naquela altura, en 1933, Plácido Castro, representante galego no conclave do Hotel Savoy, sinalaba a transcendencia do feito dende as páxinas de El Pueblo Gallego nunha serie de tres artigos: “Calquera que sexa o réxime político en que Galicia viva, a nosa terra autónoma, ou non, está xa proclamada moralmente como unha nación”.

Na asemblea inmediatamente posterior a este acontecemento, do que se cumpren agora 85 anos (decorreu do 16 a 18 de setembro), o Partido Galeguista recoñeceu o valor político do ingreso naquela entidade e quixo destacar a importancia de contar cunha estratexia exterior confiando a Secretaría de Relacións Internacionais ao culto e políglota Plácido Castro, quen obtivo o aval de 1.654 votos para desempeñar o cargo, sendo o candidato máis votado para a Comisión Executiva. 

Hai quince anos promoveuse en Vigo un acto cívico conmemorativo daquel evento, contando coa participación dunha ampla representación do galeguismo/nacionalismo de diferentes orientacións e xeracións (Fernández del Riego, Isaac Díaz Pardo, Xosé Luís Rodríguez Pardo, Ramón Lugrís, Ramón Villares ou Xosé González Martínez, entre outros), precedido dun Manifesto Conmemorativo de ampla acollida. Foi aquela unha xornada de afirmación compartida. Cada lustro transcorrido dende entón procede, como mínimo, chamar a atención sobre a relevancia dun feito que, incomprensiblemente, segue a ser moi descoñecido por boa parte da nosa sociedade. Instaladas nos rituais ao uso, nin as organizacións nacionalistas semellan preocupadas de reivindicalo.

A quince anos do que será o primeiro centenario, vai sendo hora de profundar nesta declaración, xa presente cando na frustrada reforma do estatuto galego imaxinábase un limiar que abundase na condición nacional de Galicia que atoparía aquí un antecedente con eco internacional de difícil negación. Bo sería que nesa perspectiva fósemos quen de ir armando un amplo e plural movemento, centrado nas singularidades do país pero aberto a outras experiencias, capaz de soerguer esa atonía rexionalista diluidora que ameaza a preservación mesma daquela identidade galega que Plácido Castro soubo proclamar internacionalmente naquela convulsa Europa de entreguerras.

Comentarios