Opinión

“Carreiras para gañar vida”

Resulta evidente, cada vez con maior forza e dimensión social, que na sociedade competitiva na que nos tocou vivir


“Somos homes e mulleres forxadas en soños, porque se non soñamos estamos mortas” (Killiam Jornet)

Resulta evidente, cada vez con maior forza e dimensión social, que na sociedade competitiva na que nos tocou vivir e co verdadeiro drama económico que moitas familias sofren, a práctica de actividades deportivas, sexan cales foren, estanse a converter nun tubo de escape na busca de “ar limpo” que respirar ou nunha motivación “extra” que axude a superar a “costa do Ézaro” en que se converteu o día a día.

De todas é sabido os beneficios e a fonte de saúde que supón a práctica deportiva. De feito, por cada euro investido en deporte afórranse tres en consumo de medicamentos*. Apostar polo deporte é rendibilísimo para a sociedade. Ademais dun menor custe sanitario, o deporte fomenta un pobo máis san, máis cooperativo, solidario, produtivo (non referido á produtividade a termos mercantilistas)… máis feliz en suma. Unha sociedade, en definitiva, que loita por gañarlle tempo á vida e non por gastar o seu tempo só pensando en gañar cartos.

Na pasada década só uns cantos tolos e tolas corrían polo medio da cidade, ou bastantes menos polo monte. Non era ningunha moda, nin había una consciencia colectiva de pertenza ao que agora se lle deu en chamar como “runner”. As carreiras populares organizadas no país eran poucas, mais concorridas e cun carácter festivo que as facía moi especiais. Ximnasios ou recintos deportivos eran poucos, caros e, na maior parte dos casos, contaban con pouca dotación de medios. A situación actual virou radicalmente. Hoxe en día, son marés de mulleres e homes, máis novas ou vellas (iso xa vai no espírito de cadaquén), que practican o deporte quizais, ou sen o quizais, máis popular: o deporte de correr. 

As carreiras populares non deben ser desvirtuadas polos concellos. Fomentar o deporte debe ser apostar polo deporte de base, pola participación, non pola competición

Unhas simples “zapas”, pantalón curto ou malla (por se vai frío) e unha camisola “técnica” da infinidade de cores con que se nos agasalla nas diversas carreiras que calquera pequena vila ou asociación organizan polo país adiante son identificativos da corredora popular. Xente que gosta de correr soa, con ou sen cascos escoitando música para se motivar, xente que organiza quedadas a través das redes sociais para interactuar, contarse os seus problemas, as peripecias da última carreira ou o obxectivo persoal que se marca para a vindeira; ou simplemente xente que corre como escusa perfecta para desconectar co mundo, para escoitarse a si mesmo e seguir soñando para se manter vivo ou viva neste noso mundo. 

As e os corredores populares non entenden de profesionalización, aínda que compartan espazo de adestramento e competicións con atletas “semiprofesionais”. Para eles e elas, para nós, participar nunha carreira supón convivencia, compañeirismo, esforzo e loita contra un mesmo. A esencia real do deporte: lecer e saúde. O crono márcao un mesmo. Certo é que a meirande parte das carreiras cada vez dispoñen de medios técnicos e materiais dos que todos e todas gostamos, é certo, pero tamén é verdade que son prescindíbeis. Ao igual que os agasallos máis común en todas elas: camisolas, bolsas do corredor, avituallamentos sólidos... Hai aspectos que están de máis, que non son necesarias, pero que engaden un plus á nosa participación en esta ou estoutra carreira. Ao igual que saber que un Pedro Nimo ou una Paula Mayobre van estar participando a carón de nós, con outros obxectivos, se cadra, pero coa mesma ilusión e compartindo os mesmos valores.

Hai experiencias municipais de circuítos con custe cero para as persoas participantes como a CorreconNós de Lugo, ou outras semellantes

As carreiras populares non deben ser desvirtuadas polos concellos. Fomentar o deporte debe ser apostar polo deporte de base, pola participación, non pola competición. Pero as carreiras populares son e deben seguir sendo una festa do deporte. Desde os máis cativos até as máis veteranas. Hai experiencias municipais de circuítos con custe cero para as persoas participantes como a CorreconNós de Lugo, ou outras semellantes. Hai carreiras con fin solidarias ao 100% sen o interese mercantilista de certas empresas que ademais de sacar tallada coa inscrición e publicidade da carreira, fomentan valores claramente sexistas ou retrógrados coa escusa de recadar fondos para unha Asociación determinada: eis o caso da carreira da muller na Coruña**.

Tampouco se entende a medida adoptada polo actual goberno do Concello da Coruña de duplicar o prezo da inscrición da Coruña10. Un evento que nos últimos anos pasaba dos 7.000 participantes. Tampouco entendemos a supresión da categoría chamada “pitufos”, de carácter non competitivo e onde as máis cativas podían gozar e iniciarse na práctica deportiva. Unha verdadeira festa do deporte, na que milleiros de persoas da Coruña se mobilizan para facer parte dela ou simplemente apoiar e dar azos. Agardemos que o tempo e a experiencia lles leve a pór en valor e dotar dos medios que realmente precisa o deporte netamente popular.

*http://www.redaccionmedica.com/noticia/por-cada-euro-invertido-en-actividad-fisica-se-ahorran-tres-en-consumo-de-medicamentos-84477

**O custe da inscrición era de dez euros dos case só un 10% ía dirixido para a AELC

Comentarios