Opinión

O mundo coa URSS

A bandeira soviética pendurando no Reichstag simbolizou o remate do nazismo, mais a bo fe que non rematou co capitalismo, enxendro dos fascismos. De feito, non tardaron os amolecidos soviéticos en ser estigmatizados polos novos paladíns do imperialismo: Churchill (Fulton; 1946), e Truman (Washington;1947). A Doutrina Truman incluso dividía o mundo en dous: ”o mundo libre”, ou sexa, aberto para o comercio e os investimentos americanos, e o “mundo comunista” pechado á explotación do capitalismo.

Aquel reparto influiría na configuración da actual Europa. Coa aceptación do modelo imposto polos EE.UU (o dólar como divisa, adhesión á OTAN, creación do BM, FMI, GATT,…), os estados máis influíntes de Europa gañaron a cambio o espacio económico para cadanseus monopolios. Foi así como se creou a Comunidade Económica do Carbón e o Aceiro, a Euratom e posteriormente a CEE. Durante máis de 20 anos, o mercado común europeo blindouse cun proveitoso proteccionismo.

 

O resto de occidente, salvo contadas excepcións, ficamos a disposición dos comensais deste festín. Sábese que os estados de América Latina, África e Asia que dependen fortemente dos EE.UU. caracterízanse por un nivel de vida moi baixo e rexímenes totalitarios.

No bando socialista a recuperación económica foi exemplar. Sen axuda externa, foron quen, non só de reconstruír o País, senón de retomar a senda do crecemento

 

Namentras, no bando socialista a recuperación económica foi exemplar. Sen axuda externa, foron quen, non só de reconstruír o País, senón de retomar a senda do crecemento, liderando o progreso social nos eidos científicos, cultural e deportivo. No ámbito militar, tal como afirmou en 1983 Iuri Andròpov: ”o equilibrio estratéxico-militar entre o socialismo e o imperialismo contribuíu obxectivamente á coexistencia pacífica”. De feito a Guerra Fría ben puido rematar nunha contenda nuclear a teor da tensión imprimida polos EE.UU. O Presidente Ronald Reagan foi a cabeza visíbel daquel ultrareaccionario belicismo (perífrasis de fascismo) ianqui.

 

Como na década dos 80, a economía dos EE.UU. acusa novamente unha profunda perda de competitividade perigando o seu liderato mundial. Após a autodisolución da URSS, seremos quen de salvar a humanidade do “aventurismo belicista” de Donald Truman?

Comentarios