Opinión

A derradeira lección

Nada se fala da mocidade ultimamente. Unha mocidade case na súa totalidade embelesada coas redes sociais. Desconectada da realidade social, a maioría no ten a mínima base formativa crítica. Non debera entrañar tal resultado cando as humanidades e a filosofía carecen de saída no mercado laboral actual, ao igual que o resto da formación sen un efecto inmediato na conta de resultados das grandes empresas.

O certo é que a maioría pasan a súa mocidade subtraídos do contexto social e das súas contradicións de clase a pesar de padecelas. Asemade, a manipulación e a invitación ao consumismo masivo semellan suficientes para manter o seu conformismo.

Non quero afirmar que a mocidade puidera ser motor do cambio social na historia da humanidade, mais pódese dicir que nos anos 60 chegaron a poñer en dúbida a lexitimidade moral do mundo occidental. Sirva de exemplo a carraxe que espertou a Guerra do Vietnam en moitas universidades de EEUU e posteriormente un sentimento de amargura na sociedade daquel entón.

Por aqueles anos 70, os teóricos de EEUU escribiron moreas de libros e artigos explicando o fenómeno daquel "movemento estudantil". Algúns describíano como un altruísmo combinado de indignación e agresividade interxeracional de fillos contra pais, é dicir, unha "guerra entre xeracións distintas". Outros  chegaron a interpretar aquela rebeldía coma un síntoma patolóxico da "xeración-protesta". Por certo, nos EEUU ultimamente fálase acotío de perturbados pegando tiros. Prohíbese falar de desigualdade de clases, racismo ou das dificultades da maioría da mocidade para atopar unha profesión digna que implique a emancipación persoal e social.

O problema da mocidade agrávase en todos os lados. Ao ritmo intensivo de produción capitalista, o desmantelamento do sistema de protección social, súmase unha estandarización da vida cidadá a través da cultura masiva. Desprovista de experiencia, procuran arredala  intencionadamente dos "adultos" e de como estes acadaron as súas conquistas laborais. Carecen de orientación política e da madurez que concede a experiencia. É incapaz de interpretar as tendencias sociais actuais. Erros coma seguir culpabilizando as "vellas xeracións" dos males desta sociedade antihumana en lugar de sinalar o estamento opresivo.

Por iso non se fala da mocidade, porque a perverteron ata neutralizala totalmente. A mocidade non pode estar orientada á resignación e á vida cómoda. As nosas nais non deixaron tal lección en nós os adultos. Débese desarraigar a convicción de que teñen que recibir máis do que aportan. Escarnecer a vida do ingrato e achegarse ás xeracións dos seus maiores.

Simplificar todo o problema ao ensino é desperdiciar parte da responsabilidade política e familiar. Non podemos deixar este triste legado nas novas xeracións. Máxime nuns tempos onde os imperialistas supuran o fedor do fascismo e o militarismo novamente.

comentarios