Opinión

O conflito de Ucraína e o BNG

Recentemente a Portavoz Nacional do BNG pronunciouse sobre o conflito en Ucraína. Semanas despois, previa á mobilización pacífica contra a carestía da vida, reclamaba en rolda de prensa axudas públicas para certos sectores da sociedade galega.

Sinceramente agardaba outras valoracións e propostas ao conflito entre Rusia e occidente. Por exemplo, agardaba que Ana Pontón esgrimira unha crítica obxectiva contra a agresiva política exterior dos EEUU e a existencia da OTAN. Sen ir moi lonxe, en febreiro deste ano, o Goberno dos EEUU desvinculouse do acordo sobre a non proliferación de armas nucleares que mantiña con Rusia. Realmente non merece ser criticado un feito así? Non se deberan cuestionar as nosas relacións cos EEUU?

O que vemos no leste de Europa non é novo. Xa temos visto antes aos EEUU detrás de movementos reaccionarios en América Latina. Fomentar o odio e a división interna para logo poder enxalzar gobernantes que se venden ao capital estranxeiro. De feito, non coñezo ningún movemento fascista que renegue da bandeira dos EEUU.

Mais hoxe en día absórbenos a industria da conciencia masiva. Sen ir máis lonxe, imbuído nas enquisas, o BNG céntrase no posibilismo parlamentario como única saída. Unha institución, a Xunta, totalmente desarmada de competencias para solucionar os problemas que sofre o País sen antes desprendernos dos tentáculos estranxeiros.

Nunca foi doado discernir as políticas reformistas do que é un programa transformador. É unha liña viva, en continúo movemento, que hai que saber concretar en cada instante mediante a análise política. Está claro que a táctica política debe ser flutuante, mais sempre aliñada coa defensa dos principios que non permite titubeos. A medida en que se agudizan as crises económicas mundiais pola sobreoferta descontrolada de mercancías, as tensións irán en aumento. Preséntase a faciana belicista e do autoritarismo pola rivalidade nos mercados mundiais e un crecente descontento na xente.

A proposta anunciada pola portavoz nacional do BNG de conceder axudas públicas aos sectores máis afectados pola crise dos prezos resulta vaga. Poñerse de perfil ante un problema tan grave e estrutural denota debilidade e impotencia. O BNG non pode seguir descoidando o seu flanco ideolóxico. Mentres Madrid aumenta o gasto militar e se poñen fragatas a disposición do Pentágono, aquí aumenta o índice de pobreza e o malestar polo agravio ás familias do Villa de Pitanxo. Se as potencias mundiais, con EEUU á cabeza, recoñecen Kosovo como Nación-Estado, por que se lle vai negar ese recoñecemento á comunidade rusa no Donbas?

Hai moito en xogo como para poñerse de perfil.

Comentarios