Opinión

Preséntovos 'O rosario e a buguina'

Portada. Dona Pura, a nai de Manoel Antonio, aparece sentada, collendo do brazo un Manoel Antonio de catro anos, de pé, e vestido co saial de santo Antonio. A fotografía orixinal está coloreada para recordarlle ao lector que vai ler unha ficción. Pero o decisivo é que nesa foto nai e fillo miran o mesmo obxectivo, quizais por última vez na súa vida. A novela intenta narrar como creo eu que lle gustaría a Manoel Antonio que fosen esas últimas semanas, cando chega a Asados para morrer de tuberculose, tendo moi claro que ao noso poeta, como a calquera fillo, lle gustaría recuperar neses últimos momentos esa mirada común da fotografía da portada. Unha mirada común que, despois dunha vida de desencontros, só a morte podía fotografar.

Título. O rosario simboliza o Alén católico de dona Pura. A buguina, o Alén mistérico que envolveu toda a vida de Manoel Antonio. Digámolo coas súas palabras: E alá n-o Mar sin fin / eu estóu axionllado tamén. Por iso non optei por un título máis comercial, como O rosario contra a buguina. Calquera lector de Manoel Antonio sabe que non era home de sínteses (a única que abrazou foi a independencia de Galicia), senón de viaxes de randeeira entre as teses e as antíteses. Como diría el: As horas van recolleitas / n-un querer que non sei que é. / Morren lá lonxe, desfeitas, / as badaladas sin fé.  

Autor. Escribín esta novela nuns poucos meses. Pero é o froito maduro da miña biografía Manoel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego. E esta biografía é froito maduro do impacto que me produciu ler o epistolario de Manoel Antonio (revela un corpo do poeta moi diferente ao habitualmente descrito) e a súa obra en prosa (mostra a súa alma en carne viva).    

Citas iniciais. Teño un moi bo concepto do deseño da Casa-Museo de Manoel Antonio en Rianxo. Pero sempre que vou boto de menos algunha referencia a Baudelaire, como botarei de menos no museo de Dieste algunha referencia a Euclides. É a razón de que as dúas únicas citas dos paratextos da miña novela sexan de Manoel Antonio e de Baudelaire. Como diría el, Baudelaire é meu amigo, eu son amigo de Baudelaire.

Advertencia inicial. Di: Baseada en feitos reais, é dicir, en feitos poéticos. Pretende recordarlle ao lector que Manoel Antonio era un letraferido. Como bo herdeiro do romanticismo, que odiaba e amaba ao mesmo tempo, percibía o extraordinario no ordinario. Onde os demais vían rutina, el vía asombro. Como diría el, O mar pon-se espasmódico / mentras a impúdica Lua se baña. Ou como lle dixo á única noiva que tivo, estou intentando curar os celos lendo unha novela. 

Calquera lector de Manoel Antonio sabe que non era home de sínteses (a única que abrazou foi a independencia da Galiza), senón de viaxes de randeeira entre as teses e as antíteses

Primeiro capítulo: SOS. A nai recíbeo agonizante, e quedan a soas na súa casa de Asados dous universos paralelos. Pero, como no poema homónimo, esa soidade non é negativa para Manoel Antonio. Ao contrario. É puro optimismo. No poema, como xeradora do proceso creativo. Na novela, como xeradora da única síntese que nese momento final o poeta necesita. A tese, a esixencia da nai de que acepte a extrema unción. A antítese, a esixencia do poeta de que a nai lea dous dos seus poemas para que el poida explicarlle o sentido da súa vida. E ese é o conflito que a novela necesitaba. É aínda posible esa síntese? 

Segundo capítulo: Intencións. A nai le o primeiro poema de De catro a catro e Manoel Antonio explícalle a euforia que dominou o seu proxecto de vida. 

Terceiro capítulo: Adeus. A nai le o último poema de De catro a catro e Manoel Antonio explícalle se a súa vida foi ou non foi (non quero facer un spoiler) un fracaso. 

Estrutura. A novela está escrita alternando capítulos nos que falan en primeira persoa dona Pura e Manoel Antonio. Foi un dos problemas máis grandes que tiven. Fillo e nai eran persoas de silencios ou berros. Poñelos a dialogar aos dous, soábame falso. Poñelos calados diluía a tensión narrativa. Así que optei pola asimetría. Dona Pura é fiel a si mesma e Manoel Antonio explícase con profundidade, pois, ante a morte e a necesidade de que a nai o entenda, parecíame máis verosímil esa incontinencia verbal que, no fondo, tamén é unha vitoria sobre a agonía, algo que ao poeta lle había de gustar.  

Comentarios