Opinión

Sermos Galiza

Co título que encabeza estas liñas viu a luz hai uns anos a publicación que as acolle e nel sintetízase a vontade de ser e de existir dunha nación con nome e con idioma propios, o primeiro posto en cuestionamento e o segundo en situación preocupante. O galego, a pesar das modificacións no seu status nas últimas décadas, pasa por un dos momentos máis críticos da súa historia, fundamentalmente pola acelerada perda de falantes que se produciu no tránsito intersecular, como pon en relevo a comparación dos datos do mapa sociolingüístico de 1992 cos do mapa de 2004. A situación inverteuse de forma dramática, pois a posición cuantitativa amplamente maioritaria do galego virou minoritaria nese breve período temporal. E aínda nun estudo da Real Academia Galega, de 2016, se afirma que na década de 2003-2013 se perderon 280.000 galegofalantes habituais, o que equivalería a case 20% do total dese grupo. Só en 10 anos!

Estamos, con certeza, perante a maior perda de falantes en tan curto período de tempo en todo o percurso histórico do idioma, que afecta de modo especial os dous ámbitos máis sensíbeis para o futuro de calquera lingua, o do mundo urbano e o do xente nova, onde o galego se está a converter en residual. Certo é que aquel dominio anterior que reflectía o mapa de 1992 era puramente cuantitativo e nada cualitativo, pois non tiña en conta nin a calidade nin a vontade lingüística das persoas galegofalantes. A lingua galega xa estaba naquela altura en posición totalmente minoritaria ou mesmo marxinal en diversas esferas da vida social, como a da economía, relixión, deporte, lecer, ensino, medios de comunicación etc. Alén do máis, o proceso de erosión interna do idioma na oralidade –a castelanización– continuou a avanzar nas últimas décadas e esta é máis outra vía para a extinción lingüística, que camiña en paralelo coa anterior e que tamén debe ser detida para evitarmos a disolución no español.

Necesidade de unirmos forzas polo idioma

Perante tal situación, todos os esforzos son poucos e todas as persoas tornan necesarias para o obxectivo de preservarmos o galego e máis aínda para a súa normalización. Ben é sabido que a sociedade galega actual, como todas as sociedades modernas, é plural e complexa. Nela conviven persoas con múltiplas identidades, desde as que senten a súa como só galega, galega e española en diferentes graos, galego-española-europea, galego-portuguesa etc., até as que se senten só españolas. Como os estudos especializados veñen demostrando a estreita relación entre sentimento identitario e usos idiomáticos en situacións de contacto lingüístico, é posíbel que quen sentir a súa identidade como só española terá menos ou pouca preocupación pola preservación do galego, mais todas aquelas persoas que se senten galegas en maior ou menor medida, isto é, que entre as súas identidades inclúen tamén a galega, posúen igualmente algún interese e implicación no porvir da lingua que mellor a representa. Bon, pois todas estas persoas son necesarias e todas suman no obxectivo da manutención do idioma. 

Non serán, entón, horas de convertermos a causa do galego nunha especie de ‘catch-all party’ que tente concitar todas as vontades e potencialidades en prol desa meta? Ao fin e ao cabo, non sería preciso un programa común, pois só se trataría de achegar forzas que conecten con diferentes grupos sociais e con sectores ideolóxicos plurais, embora puidesen ser contraditorios entre si nalgunha ocasión, para entre todos eles afortalaren o futuro do galego, ou dos diversos tipos de galego, ou das diversas maneiras de entendermos o galego. Claro que para iso é mester recoñecermos os diferentes posicionamentos existentes e evitarmos a estigmatización de ningún deles. Aliás, tendemos a pensar ás veces que só as persoas galegas temos ideas diversas e mesmo contrarias sobre a lingua ou as linguas que falamos, mais iso é consubstancial a moitas sociedades con idiomas en contacto, onde se confrontan propostas diversas a respecto do propio nome das linguas ou das variedades lingüísticas, da súa codificación, do seu status etc. Non somos nisto diferentes, a pesar de posuírmos, certamente, un amplo abano de modalidades orais e non poucas alternativas para a escrita. 

Non serán, entón, horas de convertermos a causa do galego nunha especie de ‘catch-all party’ que tente concitar todas as vontades e potencialidades en prol desa meta?

 

Hai na Galiza persoas –e grupos– que son defensoras do galego culto ou escrito representado pola tradición literaria dominante nos dous últimos séculos e que se senten máis ou menos cómodas no marco normativo actualmente dominante, embora discrepen dalgún aspecto concreto e teñan determinadas preferencias nas formas opcionais; o seu contributo é fundamental porque dan continuidade a un longo percurso de esforzo e dedicación na tarefa de elaboración da lingua escrita, e porque as entidades que as representan gozan de prestixio en determinados ámbitos e teñen en xeral o recoñecemento do aparello institucional. Polo contrario, hai outras persoas que xulgan ese galego como artificioso e só se identifican co galego oral das clases populares, cos seus trazos característicos como os vulgarismos e dialectalismos (gheada, seseo etc.) ou os frecuentes españolismos; se callar, non teñen vontade auténtica de normalización da lingua, mais séntena como factor de identidade grupal e poden contribuír dalgunha maneira para a súa manutención por conectaren con sentimentos vigorantes entre diferentes grupos etarios, desde a xente nova á idosa. Existen, por outro lado, grupos e persoas que se declaran partidarias da aproximación e/ou confusión entre galego e portugués, en diferentes graos, e que son herdeiras dunha longa tradición histórica representada, na súa expresión teórica cando menos, por vultos principais da nosa cultura; de facto, pódese dicir que ese foi o discurso dominante no galeguismo até a década de 70 da anterior centuria e aínda hoxe continúa a ser partillado dalgunha maneira por amplos sectores do nacionalismo; alén de moitas destas persoas contaren entre as máis activas e comprometidas coa normalización lingüística, o reintegracionismo está a axir na actualidade como foco de atracción dunha parte da mocidade para a causa do galego.

Podemos hoxe prescindir dalgún deses sectores na defensa dunha lingua tan ameazada como a galega? A miña opinión é que non se debería, aínda que para iso se teñan de introducir modificacións na planificación do idioma.

Como en Noruega

Existe unha norma lingüística maioritaria que está a funcionar como oficial; chámeselle isolacionista, independentista, identificada ou castelanista, hoxe por hoxe é necesaria e vai continuar a existir no futuro. Está, por outro lado, a norma reintegracionista, tamén denominada lusista, satelizada ou internacional, que é minoritaria e carece de recoñecemento oficial, mais que non vai desaparecer nos próximos anos. Ambas presentan, por súa vez, certa diversidade interna ou, se se quixer, diferentes maneiras de seren implementadas. Se aí van continuar e se as dúas poden sumar para a causa da lingua, por que non outorgar algún recoñecemento formal a aquela que carece del? Por que non admitirmos que o galego posúe unha norma propia ou interna, de uso habitual na administración e no ensino, e outra norma de uso internacional, a (galego-)portuguesa, que tamén debería ser aprendida no ensino regrado e non discriminada ou reprimida? O noso caso non sería moito diferente do de Noruega, coa variante ‘nynorsk’ ou noruegués tradicional e ‘bokmal’ ou noruegués máis próximo do dinamarqués, ambas as normas a gozaren de recoñecemento oficial e de aprendizaxe obrigatoria no ensino, a pesar de a primeira só ser escollida por 13% dos centros escolares como prioritaria e por 7.5% da populación norueguesa como a súa norma escrita. Teriamos así no galego unha norma oficial maioritaria, a actualmente vigorante, e a vantaxe dunha segunda norma que faría a populación escolar –e a máis longo prazo toda a sociedade galega– plenamente competente nunha das linguas oficiais da Comunidade Europea e nunha das máis faladas no mundo. 

Por que non admitirmos que o galego posúe unha norma propia ou interna, de uso habitual na administración e no ensino, e outra norma de uso internacional, a (galego-)portuguesa, que tamén debería ser aprendida no ensino regrado?

 

Ao mesmo tempo, o dominio deses dous códigos posibilitaría o reforzamento do galego face ao español ao facer máis visíbeis as interferencias deste nas estruturas internas do primeiro, de modo que tamén podía permitir a redución e a gradual reversión do proceso de hibridación coa lingua de Castela, para avanzar noutro de hibridación co portugués que sería altamente beneficioso para o galego por implicar a recuperación de formas e usos históricos propios e por favorecer solucións converxentes coa variante máis internacionalmente estendida do noso sistema lingüístico. Téñase en conta, neste sentido, a afirmación de Carvalho Calero de o galego só poder ser galego-castelán ou galego-portugués, e a de Rafael Dieste de que canto más galego for o galego, máis se parecerá ao portugués. Por esa vía da converxencia poderíase atinxir ese galego de calidade capaz de evitar a súa paulatina disolución no español e talvez tamén nun futuro máis lonxincuo un galego unificado e mellor reintegrado no seu propio sistema, esa especie de 'samnorsk' ou lingua común que en Noruega tamén tentaron construír e que aínda non conseguiron. En canto iso non for posíbel, non teñamos medo a duplicidades normativas que, coas súas particularidades ben diferentes das nosas, se dan tamén no mundo helénico, nos países árabes, na antiga Checoslovaquia ou nas repúblicas balcánicas de fala serbocroata. Se na cidade de Belgrado aínda hoxe se poden observar polas rúas rotulacións e cartaces escritos indistintamente en alfabeto latino ou cirílico, por que nas nosas non poden convivir 'Coruña' e 'Corunha'?

Sempre Galiza

Tamén nada pasa por denominarmos o noso país de dúas maneiras, 'Galiza' e 'Galicia', embora non sexa a situación ideal. Orgúllome de ter participado no grupo promotor dun proxecto empresarial chamado 'Sermos Galiza', que se marcara o obxectivo de dotar a nación de medios de comunicación propios e en galego que apostasen na defensa da nosa identidade, simbolizada nunha forma histórica e singular diferente da utilizada no español e converxente coa que se utiliza en Portugal. 'Galiza' é o topónimo usado historicamente en galego e 'Galicia' é a correspondente forma utilizada en castelán, como xa demostrou Montero Santalha do punto de vista filolóxico no seu artigo "O nome da Galiza". Nos textos literarios medievais só se atesta a forma 'Galiza', tamén dominante nos documentos notariais a pesar dalgúns casos de 'Galicia' que só no século XV tornan máis numerosos á medida que vai aumentando a presenza doutros castelanismos. É ben sintomático o caso de Afonso X, que usa sempre a forma 'Galiza' nos seus textos en galego e a forma con iode nos casteláns. Só acrecentarei máis un argumento filolóxico: a conservación do iode en galego unicamente se podería explicar por cultismo, como en 'ciencia' ou 'secuencia', mais torna totalmente inverosímil que o topónimo que designaba o reino medieval hexemónico na Hispania cristiá durante séculos puidese entrar por vía culta e que por tanto non seguise a evolución de palabras patrimoniais como 'graza' ou 'presenza'. De todos os modos, ambas as formas son consideradas lexitimamente galegas na norma maioritaria vigorante e, por tanto, constitúen máis outro caso de duplicidade normativa, como o de 'amábel/amable'; para quen defender o criterio de converxencia co portugués antes de co español a opción semella clara. 

É ben sintomático o caso de Afonso X, que usa sempre a forma 'Galiza' nos seus textos en galego e a forma con iode nos casteláns

 

Sumemos, a modo de conclusión, todas as forzas para garantirmos o futuro da nosa lingua: as das persoas defensoras do galego-castelán, do galego popular, do galego culto, do galego-portugués ou do portugués da Galiza, cada un/unha desde o seu propio sentimento identitario, que tamén pode corresponderse coa preferencia por 'Galicia' ou por 'Galiza'. Algunhas persoas, con todo, continuarémolo a facer desde a vontade de construírmos un idioma cada vez máis descastelanizado, máis auténtico, máis galego-portugués, e por tanto con maiores garantías de futuro como símbolo dunha Galiza dona do seu destino. É esta vontade de sermos Galiza a que tamén nos leva a apoiar con ilusión e esperanza, a partir do semanario 'Sermos Galiza' actual, a chegada de 'O Diario Galego' como xornal de expresión libre e plural dunha nación con vocación de existencia e de permanencia que non debe renunciar á súa historia nin ao seu propio nome.
 

Comentarios