Opinión

A que xoga Beiras?

Feijóo sabía perfeitamente a que xogaba -a estar no centro do palco e a administrar os tempos para anunciar unha decisión que até un neno de 4 anos podía antecipar- e estou certo de que Beiras, un político con cinco décadas de experiencia ás súas costas, tamén o sabe e que en absoluto está improvisando.

Beiras é un político puro como tamén o é Feijóo, aínda que ningún dos dous o parecía en principio. En Beiras un sempre ten a tentación de ver a unha sorte de sosias de Chomsky, mais aquel ten unha vocación institucional -a súa estrea no Parlamento galego foi hai 31 anos!!- e orgánica -estivo na fundación dun partido en 1964!!- da que o lingüista estadounidense carece en absoluto. A primeira impresión que transmitiu Feijóo foi a de ser un tecnócrata. Para nada. Barreiro e o malogrado Xosé Cuíña, dous rivais dos que se foi desfacendo polo camiño, son probas irrebatíbeis de que Feijóo é ante todo un político, convencional, burgués, mais político, por tanto, alguén que sente paixón polo poder e que vive para o ter e, xa que o ten, para o reter (como Schez ou Rajoy, respectivamente).

Todos os políticos puros son dun sacrificado que mete medo

Destarte, Beiras si que sabe a que xoga. A miña hipótese -fundada tamén en algunha información- é que el xa ten tomada a decisión de non concorrer ás primarias de En Marea (consciente de que non é querido como candidato por xente moi relevante nese mundo, como Xulio Ferreiro, e que mesmo na súa casa hai serias reticencias a o respaldar). Entón? Pois nada. Beiras esticará o epílogo até a última hora do último día e farao como o que é, un home de partido. Condicionará todo o que poda o proceso para gañar o maior espazo posíbel para Anova. Apresentará a súa renuncia como sacrificio (todos os políticos puros son dun sacrificado que mete medo) e abrirá así carril para que un dos seus -militante de carnet ou persoa independente próxima- acabe por levantar a man e dicer aquí estou eu.

Beiras non deixará o cenario mentres humanamente lle sexa posíbel manterse de pé.

Comentarios