Opinión

Villares mantense na carreira

Podemos dicer que Luís Villares evitou o pior dos cenarios esta fin de semana no Plenario da asemblea que irá constituír En Marea como unha forza política dotada de órgaos de dirección. Con efeito, ao se votaren en contra as emendas que lle terían impedido concorrer como candidato ás primarias, o voceiro do grupo parlamentar poderá encabezar algunha das listas e dotar de púrpura orgánica a súa condición de cabeza visíbel da confluencia. Villares continúa politicamente vivo e gaña tempo, tendo en conta que estamos aínda no comezo da lexislatura e ten ao seu dispor o nada desprecíbel trampolín da portavocía no Pazo do Hórreo.

Aí acaban as boas noticias para Villares. As más son que as súas teses sobre o que debería ser En Marea están en absoluta minoría. Unidos Podemos impuxo o seu modelo de organización, isto é, unha plataforma dominada polos partidos políticos, ou sexa, por eles propios, ultra hexemónicos tamén no grupo parlamentar (10 de 14 escanos). E non só iso: a asemblea non vai elexer nengún órgao de carácter unipersoal. Vaise limitar a elexer o chamado Consello das Mareas. Isto non se debe a que Unidos Podemos deveza polas lideranzas coletivas, tal e como retoricamente proclama, e quen teña a menor dúbida ao respeito abonda con que deite o ollar ao que Esquerda Unida e Podemos fan en Madrid, entregadas sen rubor á hiperlideranza de Iglesias. Non, non é por colectivismo, é porque non confían en Villares e non viron chegado aínda o momento de propor quen o substitúa ou quen partille con el a referencialidade da confluencia. E o pior para o xuíz en excedencia é que os sectores que lle son neste momento refractarios non só habitan en Unidos Podemos: a súa figura cada vez esperta menos entusiasmo no palacio de María Pita.

En definitiva, Villares continúa a andar sobre o gume da navalla. Certo é que andar, anda, e que esta fin de semana non se viu obrigado a se facer a un lado. Por aí gañou unha batalla. Mais outra cousa é que os verdadeiros chefes da organización a día de hoxe non pensan nel como o futuro da Marea. Por aí pode perder a guerra.

Comentarios