Opinión

Vitoria independentista, derrota de PP e Podemos

Algún día hase de escreber que o 27 de Setembro comezou a historia da República de Catalunya.

Algún día hase de escreber que o 27 de Setembro comezou a historia da República de Catalunya. O bloco independentista obtén unha vitoria política extraordinaria. Teñamos en conta: a) a participación foi masiva, 10 pontos superior a 2012 e b) a campaña do Estado español e dos seus aliados -a banca, o emperador Obama...-foi extraordinariamente agresiva, semeando o medo no Principat. Conquistar 72 escanos nesas circunstancias -contra cuase todo- é toda unha proeza e a proba evidente de que existe en Catalunya unha vontade nacional inquebrantábel. Unha vontade de ser nación en plenitude, isto é, de ter un Estado propio e de exercer a soberanía.

Os outros titulares que deita a xornada son a consolidación de Ciutadans como principal referente do unionismo en Catalunya e a derrota inapelábel de PP e Podemos (que comparecía coa marca Catalunya si que es pot).

"Se algo fica evidente após a batalla de Catalunya é que a rutura co réxime español só pode vir de maos das forzas soberanistas, de forzas co centro de decisión no propio país"

O PP é un partido marxinal en Catalunya e a súa vocación é manterse nesas marxes. Non ten un proxecto para Catalunya: só o de utilizar Catalunya para excitar o voto español na España castellana. Esa é a súa estratexia. Veremos en decembro que resultados obtén dela.

E Podemos? O resultado é o produto da súa incapacidade para entender que en Catalunya hai en marcha un proceso verdadeiramente rupturista, unha revolución nacional democrática, e que eles non se poden apresentar alí arrogándose o papel de forza motora da mudanza. En Catalunya non o é. En Catalunya o cambio é a independencia. No Principat Podemos non é un factor progresivo, senón conservador, reactivo. Iso explica o seu score, inferior ao obtido por Iniciativa per Catalunya en solitario.

Visto desde Galiza, é evidente que a pergunta é se con estes resultados sobre a mesa forzas políticas de obediencia galega -Anova e Mareas- continuarán a manexar o discurso de que Podemos é o motor "imprescindíbel" da ruptura democrática. Se algo fica evidente após a batalla de Catalunya é que a rutura co réxime español só pode vir de maos das forzas soberanistas, de forzas co centro de decisión no propio país.

1,8 millóns de persoas dixeron SI este 27S á República de Catalunya. Eis o comezo dun proceso verdadeiramente constituínte e popular, un proceso que non vai pedir permiso a Madrid para continuar.

Comentarios