Opinión

Venezuela, unha partida decisiva

Os acontecimentos en curso en Venezuela mostran até que ponto os procesos de transformación democrática orientados ao socialismo son empresas heroicas, e escrebo isto sen sombra de hipérbole. 

Os acontecimentos en curso en Venezuela mostran até que ponto os procesos de transformación democrática orientados ao socialismo son empresas heroicas, e escrebo isto sen sombra de hipérbole. Está claro que o goberno bolivariano viviría máis placidamente se a súa perspectiva fose reformista e non revolucionaria. A opción de Chávez por Maduro, respaldada por La Habana, indicaba con clareza a aposta na superación do capitalismo e nun novo ensaio de economía socialista. Chávez, como antes Castro, non chegaba a esa opción por ideoloxismo, senón pola constatación empírica de que só unha economía xerida pola clase traballadora podería garantir a soberanía nacional fronte ao imperialismo.

A experiencia latinoamericana ensina que conquista da soberanía e socialismo son as dúas caras da mesma moeda, e que dentro do capitalismo, nas condicións actuais da globalización, a soberanía estatal vira letra morta, os gobernos a se constituíren en monicreques do capital transnacional. O exemplo paradigmático é a Unión Europea. De que serviu o mandato do corpo eleitoral francés a prol da esquerda -embora fose moderada- cando elixiu Hollande? De nada. O Estado francés é, nos aspetos formais, independente, mas materialmente non deixa de ser un Puppet State, un protectorado de Alemaña.

"A oligarquía tirou a conclusión de que por procedimentos democráticos formais non tiña nada a facer"

O IMPERIO QUÉREO TODO

Chávez sabía que non había reformismo posíbel na súa relación con Washington. O Imperio non se conforma coa metade. Quéreo todo. O patriotismo do comandante abocouno, inevitabelmente, a ollar cara a Cuba, a transitar o mesmo percurso que a Revolución dos Barbudos andou a partir de 1959.

O grande suceso dos bolivarianos ten sido a súa capacidade para, mesmo movéndose en parámetros de economía capitalista, ter realizado políticas que claramente beneficiaron as clases populares. Estas corresponderon con sucesivos refrendos eleitorais. A oligarquía (si, hai diso en Venezuela, non só na Rusia de Putin) tirou a conclusión de que por procedimentos democráticos formais non tiña nada a facer. A mesma á que chegou no seu día a burguesía chilena, durante o goberno da Unidade Popular. As clases proprietarias puxeron en marcha o plano B. O plano da desestabilización social, con uso de violencia, insurxencia de dereitas e pro-imperialista. Como na Ucraína, nen máis nen menos. E con apoio dos mass media sistémicos, claro, La Voz de Galicia inclusive titulou este día na súa capa: Venezuela en lucha (sic).

En realidade, o movimento bolivariano non ten alternativa, nen é concebíbel a marcha atrás. O Imperio non fai prisioneiros: vai a por todas. Maduro sabe que ou acelera o proceso -expropriando aos expropriadores- ou é literalmente home morto. A causa anti-imperialista xoga unha partida decisiva en Venezuela. Non a ollemos como se non fose con nós.

Comentarios