Opinión

O valor engadido do nacionalismo galego

A UE non vende. Falemos de España. Así comezou a campaña o PP.

A UE non vende. Falemos de España. Así comezou a campaña o PP. A frase é de González Pons nunha reunión con parlamentares do seu partido. España como mercadoría. España como valor de cambio. España como a entende o PP, como Imperio, fracasado talvez, mais Imperio, isto é, como dominación e anulación, españolicemos as crianzas catalás, a frase wertiana non era un exabrupto, é o pensamento profundo do españolismo de dereitas. Quiñentos anos despois da Doma e Castración, se aínda hai que españolizar, é que a e España real non é máis que iso, un proxecto de opresión, con opresores (españolizadores) e oprimidos (xente a españolizar, nós, galegas e galegos, entre elas e eles).

Ese ía ser o discurso do PP, xa saben, todos contra os separatistas, e foino entrecortadamente, até o Cañetazo, até o seu candidato se extraviar e mostrar o outro alicerce da ideoloxía máis negra do españolismo, o machismo patriarcal, esteo que se mestura co clasismo elitista e á vez coa filosofía irracionalista, o desprezo á razón e a todo avanzo científico, o retorno ás cavernas, esa pulsión que leva á direita española a non rachar cos sectores máis reaccionarios da Igrexa católica, a mesma que leva aos seus amigos norteamericanos a defender o criacionismo e a abominar de Darwin.

Ancelotti e a Décima

Desconcertado coa metedura de zoca do seu candidato, o PP ficou despois nunha sorte de terra de ninguén, a campaña paralisada, 5 días sen desmentir o seu candidato, mentres Arriola, o bruxo da tribo, tentaba descifrar, coa besta desventrada, que agoiros trazían as enquisas na súa cociña de alquimista, porta con porta co despacho de Rajoy, mentres este devoraba os vídeos da 7ª, da 8ª, da 9ª, desta volta o Ancelloti hanos de conseguir a Décima.

Quiñentos anos despois da Doma e Castración, se aínda hai que españolizar, é que a e España real non é máis que iso, un proxecto de opresión

Que mensaxe opuxo o PSOE? Unha vaguísima oda á socialdemocracia perdida, un sebastianismo das políticas orzamentarias de Olof Palme ou de Willy Brandt. Pura retórica desmentida por Manuel Valls e o seu recorte galo xigante de 50.000 millóns de euros. Catch-all Party por definición, o PSOE cometeu o erro enorme de pasear a Valls en campaña. Vamos a polos socialdemócratas saudosos e a polos centristas descontentes con Montoro. Ao PSOE pasoulle ao final o que costuma pasarlle a todo partido que quer ficar ben con todo o mundo: non contentou nen os uns nen os outros.

E despois estaban os rupturistas coa Troika. Dun lado, IU-Anova. Do outro lado, Podemos. Nunha primeira visual difíceis de distinguir, practicantes da mesma retórica abstracta. Desde unha posición progresista é difícil non concordar con eles en liñas xerais: quen vai dicer que non ao poder do pobo?  Como non vamos simpatizar coas invectivas contra a "casta política" e a defensa da "xente normal"?

De nada vale pactar coa esquerda española porque é ela a que marca as cartas, xa sexa o comité central do PCE xa sexa o ego de Pablo Iglesias

Digamos non a Troika coa mesma prosa, o mesmo significante, o mesmo significado, aquí que en Valladolid. Iso é o que no fondo defenden IU e Podemos (os de Pablo Iglesias usando publicidade bilingüe harmónica na Galiza), con Anova virtualmente desaparecida como emisor de pensamento proprio [de nada vale pactar coa esquerda española porque é ela a que marca as cartas, xa sexa o comité central do PCE xa sexa o ego de Pablo Iglesias, máis ou menos do tamaño do estado de California].

Ruptura desde un país concreto

En realidade, dicer non á Troika -e organizarse realmente para dar a batalla contra o que ela significa- é condición necesaria para ser rupturista, talvez, mais non suficiente, porque a ruptura se debe dar desde un país concreto, desde unha realidade material real e tanxíbel, non se pode rachar co establishment en abstracto.

A concreción da ruptura (con que rachamos realmente) foi a grande achega do nacionalismo galego á campaña das europeas. E a proposta foi afouta: hai que rachar a dependencia de Madrid e de Bruxelas. A UE non nos vale. E hai que rachar tamén co capitalismo neoliberal (ou sexa, co capitalismo, non hai outro nen haberá), para construír non só un Estado galego noutra Europa, senón unha forma distinta de organizar a sociedade e a economía.

O PP non quería falar da UE, porque non vendía. Quería falar de España. Nestas eleccións, das forzas con opción a escano, só o BNG centrou a campaña  na Galiza. Ese é o seu valor engadido. Todo o demais son modas pasaxeiras.

Comentarios