Opinión

V de Vontade

Unha nación é imparábel se se pon en pé. E iso é o que está a acontecer desde hai anos en Catalunya.

Unha nación é imparábel se se pon en pé. E iso é o que está a acontecer desde hai anos en Catalunya. E está acontecendo a rente de chan, de abaixo a arriba, como un dos procesos máis xenuinamente democráticos, se non o máis, dos que se teñen vivido na Europa occidental desde a fin da Segunda Guerra Mundial.

Quen pode parar a 1,8 millón de persoas? Aos case 2 millóns de persoas que esta quinta feira en BCN saíron pacificamente ás rúas para diceren que queren exercer un direito democrático elemental, o direito a votar?

O proxecto nacional catalán tivo que entender que non nacera para cambiar España, senón para cambiar Catalunya

Pódeos parar o Estado español? Acho que non, por moito apoio que teña Madrid da emperatriz Merkel e da burocracia de Bruxelas.

Unha nación con vontade de ser é unha forza da natureza. Non hai maneira de impedir que se exprese con todo o seu potencial. E a nación catalá quer desenvolverse até as últimas consecuencias. Quer realizarse. E a realización dunha nación é, en último termo, ter un Estado propio. Madurar. Independizarse.

Coda final. Non hai soberanía sen soberanistas. Non hai nación sen nacionalistas. Non hai proceso de emancipación sen auto-organización. Até que o centrodireita catalán entendeu que o pactismo con Madrid era unha vía morta, o proceso non se puxo en marcha. O proxecto nacional catalán tivo que entender que non nacera para cambiar España, senón para cambiar Catalunya. Cando conseguiu entender iso ben (cando foi Macià e non Cambó), mudou todo, e desatouse a marea independentista. Como galegas e galegos, apliquémonos o conto.

Comentarios