Opinión

Turquía

Nas primeiras horas, que unha fracción significativa dun Exército que é fulcral na NATO dese un golpe de Estado non pareceu excesivo problema para a imprensa occidental. Que Alemaña negase o asilo a Erdogan nos compases iniciais da asonada, tampouco. Que o primeiro comunicado de John Kerry fose absolutamente ambiguo, con ecos do de Alexander Haig o 23F, ese é un asunto interno dos españois, nada, peccata minuta. Que a cousa virase significativamente cando Barack Obama -con miles de persoas nas rúas de Estambul chamadas polo AKP, o partido islamista maioritario do país- decidiu que aquilo era un golpe contra un goberno lexítimo e democraticamente eleito, pois tampouco é que teña sido avaliado como un facto relevante.

Desmontado o golpe, comezou a rular o plano B: non houbo implicación occidental e foi un auto-golpe de Erdogan para se afirmar na súa autocracia (o HDP, o partido das e dos curdos, si deu credibilidade a que fose un golpe de Estado con todas as letras dos militares e condenouno con enerxía desde o minuto un, bah, pequenos detalles sen importancia, o fundamental en todo caso é borrarmos as pegadas da CIA e demais axencias internacionais de intelixencia na fabricación do levantamento).

Obviamente, Erdogan -representante da burguesía turca menos conectada coa UE e os EUA- é un tipo que me causa simpatía cero, mais non sexamos inxenuos, Turquía leva sendo un século obxecto de desexo das potenciais coloniais, do imperialismo. Desde a revolución pro-occidental de Atatürk, o islamismo é o albo a atacar. Mais non por motivos relixiosos, xa vedes como a monarquía feudal de Arabia Saudí, unha teocracia, non ten nada a temer de Occidente. Non, son motivos puramente materiais: o islamismo de Erdogan non é ben visto por Washington e Berlín porque, aínda que aliado (nada fai temer que poña en cuestión a súa continuidade na NATO), non ten prexuízos á hora de ollar tamén para o Leste. Irán, Rusia, China. That´s the point.

Isto vai acabar en táboas. Erdogan tampouco está tolo, é un pragmático (de feito, non renuncia ao ingreso na UE) e non vai rachar com Washington. Turquía continuará a ser unha xigantesca base militar norteamericana, mais o certo é que ao final desta xogada -deste golpe de Estado falido- o AKP vai dispor de maiores resortes de poder, co Exército e a xudicatura purgados de elementos pro-occidentais. A partida continúa. Non comezou na noite desta pasada sexta feira. Lévase disputando no mínimo desde hai un século.

Comentarios