Opinión

O triunfo de Trump: o Business Party gaña sempre

Os EUA son unha democracia burguesa en estado puro. Isto significa que só poden gañar as eleccións un conspicuo ou unha conspicua representante da burguesía ou, se o preferides, un representante ou unha representante do que Chomsky nalgún momento definiu como Business Party. Digamos que nos EUA o que se verificou nesta campaña é unha certa fenda nas clases dirixentes. O triunfo de Trump -plutócrata, misóxino, xenófobo, particulamente islamófobo- é surprendente porque, e aí ten razón Julian Assange, a grande maioría do establishment financeiro e mediático estaba contra el. Trump gaña un pouco pola mesma razón pola que Obama gañou en 2008 contra a propia Clinton nas primarias, contra McCain nas presidenciais, porque chamou a votar sectores que tradicionalmente non participan nas eleccións, por non se sentiren representados polo sistema político. Obama parecía impugnar o réxime desde a esquerda (embora el propio era réxime) e Trump faino agora desde a direita (embora el propio é réxime).

En todo caso, o relevante nestas eleccións, como o foi tamén no Brexit en UK, é que non existe un consenso fechado no seo das clases dominantes. O caso dos EUA é moi relevante, porque estamos a falar da única superpotencia mundial, do único imperio realmente existente. Si que había certas diferenzas nos proxectos políticos de Trump e Clinton -o republicano representa talvez máis os intereses do capital industrial con menos intereses na esfera global, a demócrata máis na onda das transnacionais e do complexo militar-. Teremos de estar moi atentos a como move agora as pezas os EUA no taboleiro mundial, en teatros de operacións como Siria ou Ucraína. No terreno da política interior, as minorías raciais e a clase traballadora non poden agardar moi boas noticias do lado de Trump, embora teña sido o proletariado empobrecido branco o factor chave no triunfo do magnate.

O relevante nestas eleccións, como o foi tamén no Brexit en UK, é que non existe un consenso fechado no seo das clases dominantes

Gaña Trump e o imperio continuará a ser o imperio. Que non comparecese Clinton na noite eleitoral para admitir a súa derrota (optou por unha chamada telefónica ao líder republicano) mostra que a guerra no topo da escala social norteamericana está lonxe de ter concluído. Aquí nas colonias o ideal sería tomar conciencia de que ningún dos candidatos estaba do noso lado -non esquezamos que Clinton estaba posicionada cos falcóns do complexo militar industrial e que sen o que ela representa non se tería desencadeado a guerra a Libia- e que, portanto, a política verdadeiramente progresista ten de ser antes do máis, e como condición previa para merecer ese nome, anti-imperialista.

En realidade, non vos chamades a engano, o Business Party continúa ao mando. Esa é a súa democracia.

Comentarios