Opinión

Tamayo again

Non hai máis vella política que aquela que traizoa a vontade popular.

Non hai máis vella política que aquela que traizoa a vontade popular. Isto foi o que aconteceu no Pleno da Deputación de Lugo. Inevitábel evocarmos o Tamayazo. Un candidato imputado do PSdeG entregou deliberadamente -primeiro votándose a si propio, logo votando en branco- a presidencia do organismo ao PP. Como ocorrera en 2003 na comunidade autónoma de Madrid, volta a ser o PP quen se beneficia dun movimento inequivocamente antidemocrático. A ver que di Feijóo. Ben, xa sei o que vai dicer: que o lóxico é que goberne a lista máis votada (aínda que haxa unha candidatura capaz de reunir máis apoio) e que o problema en todo caso é do PSOE, que non ten xeito á hora de propor candidatos.

O PP aproveita as carencias éticas dun cadro dirixente do PSOE para se facer co control dunha institución pública a meio dunha manobra non propia das democracias avanzadas

Ten razón Feijóo: o PSOE ten un problema cos seus candidatos, na cidade e na Deputación de Lugo. Mais o PP aproveita as carencias éticas dun cadro dirixente do PSOE para se facer co control dunha institución pública a meio dunha manobra non propia das democracias avanzadas, senón de réximes oligárquicos, a partir dunha concepción do poder que parte da crenza de que iso, o poder, lles pertence por dereito (divino) e que a súa non ocupación é só conxuntural, accidental, unha alteración da orde natural das cousas.

Axiu ben o BNG? Realmente axiu como debía: pondo o listón ético nos mínimos aos que debe aspirar unha democracia civilizada. Visto o comportamento do candidato do PSdeG -primeiro imputado, agora virtualmente tránsfuga- acertou totalmente. Con esa catadura moral, que presidente da Deputación de Lugo tería sido?

Comentarios