Opinión

Sprint final

Afrontan as equipas contendentes a recta final sen ter variado moito o seu discurso durante o desenvolvimento da proba. A incerteza é relativa. Ninguén dubida de que a primeira forza en cruzar a liña de meta será o PP, tampouco que no campo da esquerda batallarán até a photo finish os combos de Leiceaga e Villares, en tanto que na area nacionalista a candidata Ana Pontón, que se confirma como a grande revelación da campaña, continúa en progresión e nunha remontada moi meritoria. Canto a Cs, non dá saído da irrelevancia.

Aliás, si hai matices. Nos últimos días ten sido patente a tentativa do PP de cobrir o flanco máis españolista do seu eleitorado, como proba o vergoñento decreto sobre o uso do español por parte da administración galega, novo tributo ás bancadas máis ultras da direita galega. O PP aposta todo desde o principio ao escano 38 e a deixar Cs fóra do Hórreo. É unha aposta arriscada: se Cs ficar no 4,9% e eles non conseguir por si proprios maioría absoluta, Feijóo tería de abandonar Monte Pío.

Leiceaga e Villares protagonizan o remake do sorpasso. Xa sabemos como acabou a historia en España. Os inquéritos tenden a infravalorar o PSOE e a sobredimensionar a Marea aquí ou a Podemos en Madrid

Na esquerda, Leiceaga e Villares protagonizan o remake do sorpasso. Xa sabemos como acabou a historia en España. Os inquéritos tenden a infravalorar o PSOE e a sobredimensionar a Marea aquí ou a Podemos en Madrid. Aconteceu en xuño pasado. Como se viu nas xerais segunda parte, en política é frecuente que 2+2 sexa 3. Villares, na entrevista que esta segunda feira publicamos, está moi certo de que o partido (instrumental) xa está feito e soldado. Non parece nada seguro iso. Se así fose, se todos estivesen tan implicados, non sería posíbel que un mitin do aparente potencial do que trouxo Ada Colau este sábado á Coruña apenas reunise por volta de 300 persoas. Iso significa que non todos os componentes do partido (instrumental) están a traballar con idéntica intensidade e que as tensións latentes -nomeadamente cos distintos fragmentos de Podemos Galiza- continúan fervillando debaixo das ondas da marea. Por súa volta, tampouco parece nada seguro que a tregua no PSdeG entre as distintas faccións que tamén disputan o poder federal vaia permitir a Leiceaga optimizar a súa potencial base eleitoral.

Con independencia do resultado, é evidente que unha nova lideranza, con proxección de futuro, está a emergullar nesta campaña, para o campo do nacionalismo e para a política galega no seu conxunto

E logo está o efeito Ana Pontón. É real. A xente fala del. Con independencia do resultado, é evidente que unha nova lideranza, con proxección de futuro, está a emergullar nesta campaña, para o campo do nacionalismo e para a política galega no seu conxunto. Pontón expresa unha forma diferente de se producir e de se manexar o nacionalismo na sociedade. Dá credibiilidade ao proceso de refundación en marcha e á asunción por parte do Bloque de que é ben mudar e aggiornar -no sentido literal de pór ao día- o seu modo de se relacionar consigo propio e coa contorna. Coa súa candidata, o BNG está a transmitir con clareza a mensaxe de que o cambio polo cambio non resolve os problemas fulcrais da Galiza e de que ou pomos rumo ao horizonte da rotura da dependencia ou estamos condenados a xestionar a miseria.

Estes cinco días que temos por diante non son os minutos do lixo nen moito menos. Isto ao final vaise resolver por un ponto porcentual arriba, un ponto porcentual abaixo. Todo está por decidir -se hai mudanza e que intensidade iría ter esta. A ver quen chega con máis reservas de oxíxeno no pulmón.

Comentarios