Opinión

Soraya 1- Feijóo 0

Alberto, vas perdendo, supoño que xa te decatache


Alberto, vas perdendo, supoño que xa te decatache, perder 5 deputados sobre 15 é perder de máis, é perder un terzo do capital político que acumulache en 2011, e non o digo eu, dío o CIS monclovita, perder 5 deputados é ficar moi lonxe dos obxectivos, da maioría absoluta que marcou como albo Rueda, a ver como o dá maquillado a imprensa amiga a noite do 20D.

A ver, en realidade, ti propio foche cultivando o caldo desta derrota, demasiados meses xogando coa ambigüidade calculada de se te presentas ou non, un barón que se precie non devalúa o seu propio feudo, o seu propio territorio, se se vai, se vai de vez, non o anda trombeteando durante meses, non anda alimentando a impresión de que prefire a metrópole que a colonia.

Soraya, que non ten territorio, que non ten o apoio da oligarquía do aparato, suma pontos e ten ao seu favor un factor decisivo nun partido de tradición tan cesarista como é o voso: o dedo do chefe

Mentres, Soraya, que non ten territorio, que non ten o apoio da oligarquía do aparato, suma pontos e ten ao seu favor un factor decisivo nun partido de tradición tan cesarista como é o voso: o dedo do chefe a quen aponta é a ela, Mariano se algo ten é memoria, el propio é produto dunha decisión dixital do caudillo precedente.

Soraya aparece nos cartaces en Madrid (cando é a número 2!!!!), irá ao debate do 7D en Atresmedia e se Rivera se pon farruco, talvez o PP lle entregue a cabeza de Mariano. A cousa ten mala pinta, Alberto.

Comentarios