Opinión

Soberanismo, rupturismo e legalidade

A estas alturas, despois do de Grecia, fai falta andar moi apampado para non decatarse de que aquí e agora o único rupturismo é o soberanismo das nacións sen Estado.

A estas alturas, despois do de Grecia, fai falta andar moi apampado para non decatarse de que aquí e agora o único rupturismo é o soberanismo das nacións sen Estado. Digo que despois do de Grecia porque até o señor Krugman se manifesta irritado e/ou desapontado co señor Tsipras. Talvez o premio Nobel de Economía se exprese con certo cinismo, porque no fondo Tsipras, e a elite dirixente de Syriza, están na mesma onda ideolóxica que o ocorrente columnista de The New York Times, nesa socialdemocracia que non naceu para transformar o sistema, senón para preservalo (Varoufakis xustifica esa posición co sofisma de que cómpre salvar o capitalismo europeu porque se este fenecer non virá a revolución socialista, senón Amencer Dourado).

Pois iso, que a Syriza oficial non é para nada rupturista, Tsipras xa me tiña pinta de que de neno nunca rachou un prato, e o seu proxecto é resucitar a socialdemocracia dentro da eurozona. E se Syriza é iso, outro tanto cabe predicar dos seus homólogos españois, isto é, Podemos e Izquierda Unida. Pode estar tranquilo o establishment por ese lado, non ha de haber maior problema, e se tendes algunha dúbida ollade para o que está a facer Carmena en Madrid, abrazada xa á causa dos "demócratas" de Venezuela.

Rachar o statu quo

Quen está aquí, entón, disposto a rachar o statu quo e a dar a palabra aos pobos realmente existentes? Pois o nacionalismo, val dicer, o soberanismo nas súas distintas variantes nacionais, a comezar polo que neste momento se acha en vangarda, o catalán. Si, amigos e amigas, o que se está a viver en Catalunya é directamente unha revolución nacional, a ruptura dun contrato secular que uniu as elites catalás -a súa burguesía industrial e financeira- coas castelá-andaluzas e coas bascas para conformar o trípode que soergueu o Estado capitalista español durante as dúas últimas centurias. Ese pacto pasou á historia pola determinación dun pobo catalán, que por suposto é moito máis que a súa burguesía, que aposta agora na construción dun Estado propio e no exercicio do dereito de autodeterminación e non para as calendas gregas, senón para xa, para dentro de 18 meses. Queríades unha revolución ao vivo? Pois xa a tendes.

O que se está a viver en Catalunya é directamente unha revolución nacional

Que fai o máximo dirixente da esquerda española emerxente ante o avanzo do soberanismo catalán e a súa clarísima arela de conquista da independencia? Pois escudarse na legalidade española e mesmo mostrar ambigüidades sobre se apoiaría ou non un goberno conservador español á hora de recorrer aos tribunais para frear a sedición catalá. Curioso rupturismo o de Pablo Iglesias. Convén deterse neste asunto unha miga. Toda ruptura implica a superación dunha dada legalidade, pois esta non é máis que a cristalización dunha determinada correlación de forzas. Enrocarse na defensa da legalidade española actual é tanto como defender o réxime que se di querer transformar. Argumentarase aquí que Podemos está por un proceso constituínte. Moi ben, mais iso é simplesmente a expresión dun desideratum. É evidente que Podemos non ten hoxe a forza para forzar ese proceso e é moi dubidoso que a vaia ter a medio prazo. Entón, se iso é así, cal debería ser a posición política dun rupturista: colocarse do lado da legalidade (ou sexa do réxime asediado) ou do lado de quen está a desafiar esa fortaleza (ou sexa, do soberanismo)?

A resposta é evidente. Se Catalunya declarar a independencia, un demócrata español tería que afirmar a súa aceptación desa vontade soberana, sen condicionala a un eventual proceso de ruptura no resto do Estado. A ruptura xa está aquí, non hai por que agardar por ela. Agardar por ela é reaccionario, señor Pablo Iglesias, e é no fondo situarse no campo das forzas que instituíron o réxime do 78.

Enrocarse na defensa da legalidade española actual é tanto como defender o réxime que se di querer transformar

Mentres, na Galiza hai esforzos sinceros por procurar o maior grao posíbel de unidade nacional. Diso vai este Día da Patria Galega. Hai que apoiar eses esforzos sinceros, sen perder de vista onde están as forzas rupturistas e onde as reaccionarias.

Este artigo xa viu a luz no número 155 de Sermos, disponíbel nos pontos de venda habituais e na nosa loxa.

Comentarios