Opinión

De soberanía e de unha "España máis xusta"

As maiorías no Parlamento galego son as que son (as dúas primeiras forzas son estatais)

As maiorías no Parlamento galego son as que son (as dúas primeiras forzas son estatais) e o debate do estado da nación realizado esta terza feira respondeu a unha correlación de forzas claramente favorábel á perspectiva española e/ou unionista. Foi nese sentido un debate tan previsíbel como pouco proveitoso, non moi útil se o que realmente queremos é fortalecer o país no debate en curso no escenario estatal.

Feijóo ofereceu o perfil máis tecnocrático posíbel, porque no fundo pensa que a xente o ve basicamente como un xestor eficaz. O seu discurso resúmese nesta frase: estamos mellor que hai un ano. Estivo moi pouco político. Algo máis na sesión matutina, cando deixou sentado que a opción de Galiza non é a de desvencellarse do Estado, senón a de loitar por "unha España máis xusta". Niso o PP de Feijóo ten como aliados os social-liberais do PSOE e a esquerda rupturista que procura non a emancipación nacional, senón o cambio de réxime, ou sexa, unha "España máis xusta".

Foi Jorquera o único que se esforzou en colocar a demanda de soberanía para Galiza no centro do debate

Apuntalou o discurso, xa na sesión vespertina, Puy, portavoz conservador. Estabeleceu con clareza os límites do debate: a soberanía pertence ao pobo español. Ou dito doutro xeito, o pobo galego como suxeito titular de dereitos políticos non existe. Puy atacou o soberanismo porque o soberanismo é o pólo antitético ao PP. Feijóo/Puy negan a soberanía galega e fronte á eles situouse Francisco Jorquera, o portavoz do BNG, quen chamou a tronzar a "dependencia", isto é, a estabelecer aquí, e non nun Madrid máis xusto/guay/ou rupturista, o noso centro de gravidade permanente.

Foi Jorquera o único que se esforzou en colocar a demanda de soberanía para Galiza no centro do debate -"os pobos basco e catalán terán no futuro amplos espazos de libre decisión e Galiza, señor Feijóo, coa súa submisión, corre o risco de perder o último tren"-, mentres Beiras, en modo máis profesoral que nunca, e coa teatralización de costume, citando acó Wallerstein e acolá Baran, voltaba a chamar á unidade popular, isto é, voltaba a chamar a conformar plataformas eleitorais coa esquerda española, que é iso o que significa a unidade popular para o líder de Anova. Por súa parte, Méndez Romeu fixo un discurso social-liberal que podería asinar calquer correlixionario seu de Valladolid, Murcia ou Sevilla.

Galiza saiu fortalecida como país do debate? Certamente non. Galiza non ten neste momento peso político no Estado e o debate non serviu para que gañase quilos, xusto no momento en que Catalunya dobra a aposta e, na compaña de Euskal Herria, vai conquistar poder político si ou si. Nese contexto estamos, mais o Parlamento de Galiza ten as maiorías que ten, que cada quen asuma as súas responsabilidades.

Comentarios