Opinión

Silver Kane

A primeira vez que vin escrita a palabra "musitar" -falo dos primeiros anos 70- foi nunha novela de Silver Kane.

A primeira vez que vin escrita a palabra "musitar" -falo dos primeiros anos 70- foi nunha novela de Silver Kane. Era o meu favorito. Moito menos predecíbel do que Marcial Lafuente Estefanía. Era tamén o favorito de meu pai. El e Keith Luger. Eu íalle cambiar as novelas de Kane a unha loxa do bairro, cambiábanse as novelas como anos despois se cambiarían os vídeos. Unha pela, unha novela nova. Non se compraban: trocábanse. Kane e Luger eran nomes con resoancias cuase míticas. O complemento perfeito aos filmes que emitía a televisión en branco e preto, a única da época. Lías a Kane e púñaslle aos seus heroes os rostos de Cooper, Wayne ou Lancaster ou Douglas. Tipos xusticieiros nun mundo binario, doado, con maos e bons de libro, sen requintes, todo directo. 

Meu pai foi escolarizado nunha lingua allea ao seu mundo primario e familiar. Como tantos outros. Nunca soubo escreber na súa lingua nai. Como tantos outros.

Meu pai falaba a maior parte do tempo en galego, mais escribiu sempre a súa correspondencia na lingua que lle foi imposta.

Meu pai falaba en galego, mais lía en español, madia leva.

Si, estou falando da xeración anterior á miña. Non da Idade Media.

Que importante son as primeiras leituras! Que importantes os primeiros estímulos! Que importante é o que descobres cos ollos fascinados da infancia!

O inspector Méndez e os pistoleiros de Kane nunca falaron na lingua de meu pai. Daí vimos

Este día vin o anuncio dun novo filme francés que se irá proxectar nos cinemas catalás dobrado á lingua propia do Principat. Imaxinaivos: ter unha vida "normal" no teu país no teu propio idioma. Ler o equivalente o teu Silver Kane de neno xa en galego. Ver os debuxos animados de moda de cativo xa en galego. Ir ao cinema a ver Big Hero 6 (si, por que non vas ir ver Big Hero 6??) en galego. Ver a maior parte da televisión en galego. Xogar con videoxogos en galego. Ter en galego as mesmas experiencias que un neno francés ten en francés ou un neno inglés en inglés. Que cousas se me ocorren! Sonvos un sentimental.

Silver Kane era o pseudónimo de Francisco González Ledesma para o seu traballo alimenticio de escritor de westerns. Morreu esta segunda feira e sentino ben. FGL foi un superdotado da literatura de entretemento, mais tamén un fino estilista cando se propuña facer prosa con ambición artística. Criou un personaxe inesquecíbel, o inspector Méndez, un peixe nas augas do bairro chinés de Barcelona, retratista feroz da decadente burguesía catalá (tan decadente como a burguesía madrileña ou neiorquina) e conmiserativo fotógrafo das clases populares, cunha conmiseración humana, a rente do chan, humilde, nada paternalista, cero elitismo.

O inspector Méndez e os pistoleiros de Kane nunca falaron na lingua de meu pai. Daí vimos. Esas escenas da nosa infancia están aí. Fixéronnos ser o que somos agora. Claro que sei que temos na nosa literatura até un western -A Morte de Frank González, de Xosé Fernández Ferreiro- e claro que temos enerxías sociais suficientes para mudar a historia. É cuestión de sermos testáns, de sermos galegas e galegos, de negármonos a asumir como normal unha opresión que ten unha raíz no tempo e que pode e debe ser extirpada.

Ha chegar un día, se nos pomos con entusiasmo á tarefa, se non caemos baixo o engado dos que sempre tiveron "experiencias normais" en "países normais", que as nenas e os nenos lerán a palabra "moumear" [e conste que non teño nada contra o vocábulo castellano "musitar"] por vez primeira nun texto de entretemento redixido na nosa lingua.

E se fixer falta até me oferezo a traducir eu Silver Kane ao galego.

Este artigo fai parte das páxinas de opinión do número 136 de Sermos Galiza, disponíbel nos habituais pontos de venda e tamén na nosa loxa.

Comentarios