Opinión

Si, somos unha colonia

Non vou facer aquí un relatorio económico, acougade, para demostrar a veracidade do título deste cartafol de hoxe. Simplesmente deitarei unha ollada no planeta político e será abondo, acho, para concluírmos que, con efeito, Galiza continúa a ser unha colonia de España (tema distinto é que é nesta altura España, pouco máis que un protectorado de Berlín no económico e Washington no militar).

Vexamos tres noticias das últimas semanas, da máis antiga no tempo á máis recente:

1.-A base militante de Podemos Galiza decide que a forma de inserción na Marea debe ser a da coligazón, isto é, mantendo a marca morada nas papeletas e a personalidade propia da organización política. Un tuit do máximo dirixente español basta para torcer a vontade do colectivo galego e impor, desde Madrid, a integración no chamado partido instrumental.

2.-O conxunto das forzas políticas galegas vota unha proposición de lei promovida polo BNG no Pazo do Hórreo para a transferencia a Galiza da AP9. O significativo é que a iniciativa ten o aval dos 41 parlamentares do PP. Pois ben, chegada ao Congreso, é vetada polo Goberno de Mariano Rajoy, que se nega mesmo a tramitala. Que di Feijóo? Nada.

3.-A xestora do PSdeG chama a primarias máis congreso canto antes. Fernando González Laxe, ex presidente da Xunta, afirma enfático que "os socialistas galegos" teñen plena autonomía para se auto-organizaren e que non teñen que pedir permiso a Madrid. Madrid pensa naturalmente outra cousa e esta cuarta feira un diktat da comisión xestora federal retira ao PSdeG as competencias para determinar o seu proprio calendario congresual.

Hai unha forma ben gráfica de resumir isto. Podemos, PP e PSdeG reúnen 62 parlamentares dos 75 que acabamos de elexer o 25S. Pois ben, non están ás nosas ordes, ás ordes das galegas e dos galegos. Están ás ordes de España. Si, somos unha colonia. E mentres o sexamos, continuaremos sendo un país co freo de man posto, incapaz de desenvolver plenamente todas as nosas potencialidades, as que teñen a ver coa calidade da nosa democracia (coa forma como nos organizamos como sociedade) e as que teñen a ver coa capacidade de producirmos riqueza (xerindo nós, por exemplo, a principal vía de comunicación do país) e de a distribuírmos con maiores doses de xustiza social.

Comentarios