Opinión

O que sabemos da traxedia

Algo máis de 24 horas despois de o horror se facer presente, o que sabemos da traxedia non é desprecíbel.

Algo máis de 24 horas despois de o horror se facer presente, o que sabemos da traxedia non é desprecíbel. Recapitulemos:

Todos os indicios apuntan a que o sinistro se produciu a consecuencia do exceso de velocidade co que o comboio tomou a curva de A Grandeira, no lugar de Angrois, situada a 4 quilómetros da estación dos camiños de ferro de Santiago.

O comboio circulaba a arredor de 190 quilómetros/hora -segundo declarou o propio maquinista- cando nese tramo o límite de velocidade está situado en 80 quilómetros por hora.

A responsabilidade do maquinista, todo o indica, é manifesta. Dito isto, a estas horas é evidente tamén que o fallo humano non foi contrarrestado por ningún dispositivo de seguridade. Esta é a cuestión chave. Sempre houbo, hai e haberá fallos humanos. A tecnoloxía existe xustamente para conxurar e minimizar os erros, as desatencións, as neglixencias, das persoas. E, polo que sabemos neste momento, cando as investigacións están aínda nunha fase moi preliminar, a tecnoloxía non axudou porque ou ben fallou ou ben porque nen sequer estaba presente.

O sistema de seguridade ERTMS tería evitado a catástrofe de estar instalado e activo no tramo en que ocorreu o sinistro. Tería freado o tren.

A estas horas é evidente tamén que o fallo humano non foi contrarrestado por ningún dispositivo de seguridade. Esta é a cuestión chave

Este sistema áchase instalado e activo na prática totalidade da liña galega de alta velocidade, mais non na zona na que se orixinou a catástrofe de Santiago. Si está nas cercanías ferroviarias de Madrid, mais non no acceso á capital de Galiza.

Fontes consultadas por Sermos Galiza informaron tamén de que a celeridade coa que se construiu a liña de alta velocidade en Galiza ten resultado na merma das condicións de seguranza.

Hai que ter en conta que o accidente se produciu nunha liña de alta velocidade, mais nun tramo que non é de nova construción, senón nun treito que é unha adaptación do antigo trazado. Por que non se levantou o antigo trazado? Por que non se estendeu a liña nova até chegar á estación? Son perguntas lexítimas que deben achar resposta por parte dos responsábeis políticos do Estado español. Algunhas voces apuntan xa que non se quixo pagar máis diñeiro en expropiacións. Isto debe ser esclarecido.

Por que non se levantou o antigo trazado? Por que non se estendeu a liña nova até chegar á estación?

A ministra de Fomento debe comparecer con urxencia no Congreso, tal e como reclamou hoxe o BNG. Debe informar con absoluta precisión e transparencia. Calquer observador minimamente atento -Twitter está cheo deles- pode ver xa por onde van ir os tiros da Administración Rajoy e da inefábel imprensa amiga: o caso é safar pola vía de cargarlle toda a responsabilidade a unha cabeza de turco. Un novo Mangouras? Algo así.

Galiza acaba de sofrer o sinistro máis grave das últimas 8 décadas no Estado español. 80 vítimas mortais. Algo máis de 90 feridas e feridos. A conmoción é enorme. Todas as competencias relevantes neste asunto -sobre as infraestruturas, sobre a seguridade- son do Estado. A Administración galega aquí non pinta nada: así é o Estado máis descentralizado do mundo. As responsabilidades terán de ser determinadas. Sabemos xa algunhas cousas. E temos dereito a coñecer toda a verdade.

Comentarios