Opinión

O réxime Feijóo, o empate Marea-PSdeG e a realidade Pontón

En ningún país da Europa occidental o partido no goberno gaña as eleccións roldando o 50 por cento do voto, unha auténtica enormidade. Iso acaba de pasar na Galiza. A vitoria de Feijóo é incontestábel. Alcanza tal dimensión que en propriedade deberíamos dicer que na Galiza existe un réxime, o réxime Feijóo. O fenómeno político máis perto que temos de nós que lle sería equiparábel é a Rusia de Putin. Naturalmente isto non me fai nada feliz, mais eu non estou aquí só para dicer aquilo do que gosto ou non, estou aquí para facer unha análise dos resultados.

O réxime Feijóo é eleitoralmente imbatíbel. Iso ten explicacións racionais, non máxicas. Un partido de goberno perde as eleccións cando o eleitorado percibe unha alternativa verosímil e viábel. Está claro que non a viu este 25S. As dúas forzas que preceden o PP en apoio cidadán -En Marea e PSdeG- son tan, tan xemelgas, no cuantitativo e no cualitativo, que se acaban por facer indistinguíbeis. En todo caso, a ollos da maioría da populación, nen Leiceaga nen Villares foron visualizados como hipotéticos adversarios de Feijóo. Hoxe por hoxe non teñen estatura de líder. O candidato do PP acertou na súa estratexia de os ningunear en campaña: en política a mellor forma de liquidar un rival é non pronunciar o seu nome.

Un partido de goberno perde as eleccións cando o eleitorado percibe unha alternativa verosímil e viábel. Está claro que non a viu este 25S

En realidade, no campo da esquerda e do centro-esquerda, o eleitorado galego ollou para o trinque e o que viu no escaparate foi a oferta dun partido socialdemócrata galeguista por duplicado. Dito doutro xeito, En Marea non ofereceu nada sustancialmente distinto ao PSdeG, obsesionado Villares -e, imaxino, tamén o aparato do partido que apostou nel- por oferecer unha face o máis institucionalista posíbel, nas antípodas do discurso rupturista de Beiras.

Destarte, e como xa acontecera en España, os números dous e tres da contenda eleitoral non foron a polo cetro do líder da carreira, senón que se pelexaron entre si por seren segundos. E até niso fracasaron, sendo que virtualmente empataron. Tanto tanto se pareceron Leicega e Villares en campaña que o seu resultado en número de escanos acabou sendo o mesmo.

Leicega e Villares pelexaron entre si por seren segundos, e até niso fracasaron, sendo que virtualmente empataron

O réxime Feijóo, sabedor da debilidade dos seus oponentes, limitouse a administar con habilidade os meios de comunicación próprios -os públicos gubernamentalizados- e a teledirixir aqueles, os parapúblicos, que controla mediante a concesión de subsidios. E quen teña algunha dúbida ao respeito, que repare no campañón que montaron a conta da paternidade futura do candidato do PP, elevada á categoría de noticia dinástica, todo réxime tende a adoptar formas monárquicas.

Ben, sexa como for, o PP é unha extraordinaria maquinaria eleitoral e na Galiza é algo máis que un partido, é un movimento moi poderoso e profundamente enraizado na nosa sociedade. Viuse durante o bipartito. Resistiu moi ben a pasaxe pola oposición, e até saíu fortalecido do trance. Farían mal os seus adversarios en despachar a enésima vitoria eleitoral do PP cos tópicos analíticos de sempre. Hai fenómenos que requiren dunha observación máis reflexiva e menos demagóxica. A vitoria do PP ten a ver con que por volta do 50% da sociedade galega (pensemos tamén no país que se abstén e non vai votar) está máis ou menos satisfeita coa súa vida (ou no mínimo non ve motivos para mudar). Non será posíbel construír unha alternativa política se non se analisa con frialdade a existencia desa metade da Galiza para a cal o PP representa a mellor opción política.

O Efecto Pontón foi real. Pensemos que no comezo da campaña, o BNG partía cunha expectativa moito limitada, os 2 escanos que lle concedía o CIS

A noite ten un claro vencedor, Alberto Núñez Feijóo, e dela emerxe tamén unha figura que está chamada a protagonizar a vida política galega durante os próximos anos, Ana Pontón, a líder do Bloque Nacionalista Galego. O Efecto Pontón foi real. Pensemos que no comezo da campaña, e após a desfeita eleitoral do 26 de xuño, o BNG partía cunha expectativa moito limitada, os 2 escanos que lle concedía o CIS. A campaña de Pontón foi modélica e marca un antes e un despois na narrativa nacionalista. En Pontón é tan importante o que di como a forma en que o di, iso é o que marca a diferenza entre a boa e a má política. A política boa é a política que seduce, que persuade, que conquista. Os resultados están á vista e superan todas as expectativas. Hai apenas dúas semanas ninguén no BNG podía imaxinar un score por volta dos 120 mil votos e 6 escanos. Conségueos o Bloque, alén do máis, sen adulterar nen rebaixar o máis mínimo a súa proposta política, nidiamente soberanista e de esquerdas. Volta o BNG. Esa é a grande noticia da noite para esa multitude de galegas e galegos que soñan cunha Galiza dona de si propia.

Pasamos do Efecto Pontón á Realidade Pontón. Aquí comeza algo serio.

Comentarios