Opinión

Por que Rajoy non foi ao debate a 4?

Acho que Rajoy non foi ao debate por tres razóns básicas:


Acho que Rajoy non foi ao debate por tres razóns básicas:

1.-Para dar pé a que se especule sobre iso. Para que dalgún xeito a campaña gravite arredor de Rajoy, para o bon ou para o mao. Para que, en definitiva a campaña sexa Rajoy e Os Outros.

2.-Porque o PP entende, e probabelmente ten razón, que nun debate con Rajoy a 4 a ecuación sería 3 contra 1, mentres que nun debate con Soraya a 4 o xogo ía estar moito máis enlamado, e as forzas da "oposición" se acabarían enleando nun debate entre eles, Rivera contra Iglesias, Iglesias contra Sánchez, Sánchez contra Rivera...

3.-Porque ao enviar Soraya ao debate o PP coloca outra peza sobre o taboleiro. A Operación Menina. Seguramente esa operación (a manobra en virtude da cal o PP acabaría sacrificando Rajoy por Soraya para manter o goberno) non ten nen pés nen cabeza nun partido tan cesarista como o conservador, mais iso é o de menos porque do que se trataría sería de atraír votos co engado dunha hipotética Soraya presidenta como plano B, sería algo así como "sabemos que non gostas de Rajoy, mais quen sabe, se callar se nos votas quen acaba morando na Moncloa é Soraya". Pode parecer parvicie, mais no debate a 4 Rivera dixo que en nengún caso apoiaría os proxectos de Sánchez e Rajoy. Si, dixo "Rajoy", non dixo "o proxecto do PP".

Ben, e para concluír, o que é un pouco penoso do ponto de vista democrático é que nun Estado como o español, coa cuestión nacional a o dominar praticamente todo, se poña o foco na ausencia [deliberada, calculada] de Rajoy e non na exclusión [deliberada, calculada] das forzas soberanistas, o único rupturismo real.

Comentarios