Opinión

Rajoy, no debate: "Falemos de Catalunya"

No debate do bipartidismo vello -debullado ao vivo logo na Sexta polo bipartidismo novo- Rajoy quixo escapar da fantasma da corrupción envolvéndose na roja y gualda. "Falemos de Catalunya", urxiu. De Galiza non dixo nen chío.

No debate do bipartidismo vello -debullado ao vivo logo na Sexta polo bipartidismo novo- Rajoy quixo escapar da fantasma da corrupción envolvéndose na roja y gualda. "Falemos de Catalunya", urxiu. De Galiza non dixo nen chío.

Novo debate estatal e nova constatación de que as forzas co centro de decisión en Madrid -as vellas e as novas, ben, Ciudadanos o centro de decisión teno formalmente en Barcelona- non ollan para Galiza. A ver, tampouco é certo. No debate a dous, Rajoy esta terza feira fixo unha superferolítica referencia a que o seu goberno, para evitar o resgate, bla, bla, bla, viuse forzado a nacionalizar "los bancos gallegos" (sic). Este home nunca deixará de dar espectáculo.

En fin, se queremos que se fale da Galiza nun debate deste porte xa sabemos o que nos toca. A vía para chegar a iso non é nen o vello nen o novo bipartidismo, acubillado este último na grella da Sexta

Si, quixo Rajoy colocar no debate o tema catalán e fíxoo para fuxir da queima da corrupción, as lapas do computador de Bárcenas a incendiar o estudo de televisión co impávido Campo Vidal como testemuña. "Falemos de Catalunya", urxiu o chefe do PP. Non dixo nada novo ao respeito. Soberanía nacional (española), unidade indivisíbel, todos os tópicos do españolismo sobre a mesa. Sánchez tampouco achegou grande cousa. Insinuou unha reforma da Constitución federalizante, mas nen sequer se atrevou a explicitalo, non fose escorrentar algún voto colindante co PP.

En fin, se queremos que se fale da Galiza nun debate deste porte xa sabemos o que nos toca. A vía para chegar a iso non é nen o vello nen o novo bipartidismo, acubillado este último na grella da Sexta, con Pablo Iglesias e Albert Rivera a concordar en que o deles si é moderno, un debate con fair play, por exemplo o moderado polo ubicuo Évole, e non esta cousa da vella política de caír a rolos pola lama.

PD: non gosto moito de falar en termos de gañadores e perdedores, mas, se queren saber a miña opinión, o debate do vello bipartidismo gañouno claramente Pedro Sánchez, para descontentamento non só do dúo Iglesias-Rivera -a viva imaxe de dous líderes encantados de se coñeceren a si proprios- mais tamén dos seus xornalistas de cabeceira amigos.
 

Comentarios