Opinión

Quen son aquí os rebeldes?

Baixemos da abstracción dos eslóganes e da retórica máis ou menos líquida e pisemos o ring. Quen son aquí os rebeldes? Quen está a postular a desobediencia contra unha lei inxusta? Quen a defender un direito democrático que debería ser inalienábel, o de todo pobo a decidir o seu futuro? 

Fago todas estas perguntas porque non estamos a falar de xogos florais. Estamos a falar dun combate con consecuencias. Inhabilitación por anos para estar na política institucional, talvez penas de prisión... Quen está en primeira liña en defensa da democracia? E quen é aliado obxectivo neste momento dun Estado que se atrincheira na defensa dunha legalidade -a de 1978- que é froito do pacto cos albaceas do ditador?

Os rebeldes son os nacionalistas catalás, sexan estes socialdemócratas, democrata cristianos, liberais ou marxistas. Eses son os rupturistas

Fácil responder estas perguntas: os rebeldes son os nacionalistas catalás, sexan estes socialdemócratas, democrata cristianos, liberais ou marxistas. Eses son os rupturistas. Outros que van diso, de rupturismo, o que están é no unionismo puro e duro, a defender a quimera do referendo pactado. A lóxica do pacto da nación oprimida co Estado opresor é sempre reaccionaria: afirmar que se non hai pacto non debe haber referendo, é tanto como dar a faculdade de veto a Rajoy sobre un direito inalienábel cuxa titularidade só pertence ao pobo catalán.

A petición da fiscalía do Supremo de inhabilitación a Homs mostra que o conflito político real no Estado non se dá no seo das forzas políticas españolas. Estas partillan os trazos básicos do réxime (oposición fáctica ao exercicio do direito de autodeterminación, asunción da inserción española no euro e na OTAN, a forma monárquica do Estado...). O conflito político real dáse entre o Estado e as nacións. Está claro cal é aquí a posición progresista e cal a reaccionaria. O rebelde aquí é Francesc Homs, non Xavier Domènech.

Comentarios