Opinión

Quen lle ten medo á nazón de Breogán?

Deixámosvos cantar Fogar de Breogán, mais non Nazón de Breogán. Somos un país tutelado, así que nos ditan até o que podemos cantar ou non. Recuperamos a selección nacional de futebol masculino (en partido amigábel, faltaría máis, os oficiais son para a selección de verdade), mais nada de o facer coa normalidade coa que se fan as cousas en París ou Londres. Nada, das 4 estrofes do hino nacional, ficades com dúas. Como afirmou Pilar García Negro en conversa co compañeiro Adrián Ferro, deíxannos ser un semipaís. E tampouco é cuestión de se queixar, pior están en Venezuela ou en Siria, etc.

Téñenlle medo, moito medo, ao espectáculo de miles de persoas entoar Nazón de Breogán, o verso que pon o ramo ao extraordinario texto que Pondal nos legou en forma de hino. Nazón?? Se somos nazón, razoarían as masas, teremos que o ser con todas as consecuencias, non é? Unha nazón é aquel colectivo humano que se goberna a si proprio e que, en todo caso, aceita partillar decisións (soberanía) con outros colectivos se entende que iso pode resultar no seu beneficio. Nada, nada, é perigosísimo cantar Nazón de Breogán, está claro que Louzán sabe até onde pode esticar a corda, que vos deixamos o dedo e xa queredes apañar o brazo inteiro, que xentiña.

Nada, nada, é perigosísimo cantar Nazón de Breogán, está claro que Louzán sabe até onde pode esticar a corda

Téñenlle medo á que cantemos Nazón de Breogán, a que os chamemos imbéciles e escuros.

Téñenlle medo ás estreleiras e ás esteladas.

Non está mal: se teñen medo, é que van perdendo ou é que van gañando mais nós temos serias opcións de remontar. É así, aínda que moitas veces poida parecer o contrario.

Comentarios