Opinión

O PSOE demite como partido de goberno

Non lle vai saír gratis ao PSOE abandonar o "non é non" de Sánchez. Á altura do mes de xullo pasado, un alto dirixente do PSdeG, perguntado por este xornalista a respeito de que iría facer o partido na sesión de investidura de Rajoy, dixo: "Acaba de falar o Papa. E neste partido sempre se fai o que di o Papa". O supremo pontífice ao que se refería era Felipe González, que acababa de publicar un artigo a prol da abstención a Rajoy nas páxinas de opinión de El País.

Cumprir a vontade do Papa foi un proceso laborioso e traumático, porque arredor do anterior secretario xeral se formou un núcleo de resistencia. Sánchez era consciente de que unha abstención viraba o PSOE nun satélite do PP e significaba de facto ir na dirección da grande coligazón á que sempre aspirou o filipismo. Foi preciso matar politicamente o secretario xeral no Comité Federal do 1 de outubro para os designios de González se materializaren. O conclave deste domingo 23 de outubro completou a operación. Un golpe anti-democrático, sen dúbida, liquidar en primeira instancia o primeiro secretario xeral eleito en primarias e, segundo, verificar un xiro de 180 graos na opción de voto da investidura, con absoluto desprezo da opinión da militancia e da grande maioría do eleitorado do PSOE, claramente contrarios á continuidade de Rajoy.

Pasamos dun sistema bipartidista con dúas forzas de goberno a outro multipartidista en que materialmente só unha forza política ten opcións reais de chegar ao poder executivo, a conservadora

Os filipistas teimaron durante estes días en que a operación era só un movimento táctico. Non ten aspecto diso. Mais ben estamos perante un reposicionamento estratéxico do conxunto das forzas do réxime do 78. Unha metamorfose lampedusiana, mudanzas epidérmicas para salvar o principal (a unidade do Estado, a primacía dos negocios sobre a política, a sumisión ao euro-marco alemán...). Pasamos dun sistema bipartidista con dúas forzas de goberno (un deseño binario que permitiu ao PSOE gobernar o duplo de anos que o PP) a outro multipartidista en que materialmente só unha forza política ten opcións reais de chegar ao poder executivo, a conservadora. O PSOE acaba de suicidarse e o seu competidor na esquerda transita cara ás posicións extremas do cuadrilátero, con Pablo Iglesias a corear as consignas de Salvador Allende, o que fai imposíbel que este partido poda disputar o voto non ideoloxizado que no pasado ora votaba PP ora votaba PSOE, sen o cal non hai xeito de sumar maiorías no Congreso.

O PSOE da abstención no comité federal non vai desaparecer. Ten base territorial e xeracional para reter o 15 por cento dos votos. O Podemos de Iglesias dificilmente chegará ao 30 por cento do voto porque, aínda que ten o voto mozo, a súa retórica afástao das zonas máis tépedas do eleitorado e das xeracións que gardan memoria da vitoria por maioría absolutísima do PSOE en 1982.

A verdade é que non parece que o medo estea a cambiar de bando, máis ben parece que a evolución no Estado apunta a un longo período de hexemonía conservadora no horizonte

Con ese panorama no centro-esquerda e na esquerda -o PSOE da abstención nunca pactará co Podemos que Iglesias pacta coa corrente troskista da súa organización-, o PP pode aspirar a gobernar secula seculorum, aínda que apresente un candidato tan moralmente eivado como Rajoy, aínda que se laven os trapos suxos a plena luz do día.

A verdade é que non parece que o medo estea a cambiar de bando, máis ben parece que a evolución no Estado aponta para un longo período de hexemonía conservadora no horizonte, grazas aos regalos consecutivos que Rajoy recebeu da súa sinistra (marzo-2017, Podemos vota contra a investidura de Sánchez; outubro-2017, Susana Díaz e os seus liquidan Sánchez e decretan a abstención).

Item máis: o que nos ensina todo isto é que aqueles que desde as nacións sen Estado fabulaban sobre o ascenso ao poder das forzas rupturistas -e a queda do réxime do 78- estaban, están, bastante nas verzas.

Comentarios