Opinión

Un proxecto para a Patria Galega

A principal leitura que nos deixa este Día da Patria Galega 2016 é que a única corrente política, social e filosófica da nosa sociedade que ten un proxecto de país xenuíno e específico para Galiza é o nacionalismo, o soberanismo, de esquerdas. Por chamar as cousas polo nome, a forza política sobre a que descansa o movimento nacional galego continúa a ser basicamente o BNG. É certo que é unha forza tocada, abalada, en notábeis dificuldades no plano eleitoral. Mais tamén é certo que é o que temos.

Botemos un ollo ao resto do taboleiro. As Mareas non compareceron como tais no Día da Patria Galega. Só estivo presente o seu componente nacionalista, Anova, e para máis cun discurso enormemente ambiguo. Ou talvez non tan ambiguo, a mostrar cal é a súa aposta estratéxica de fundo, a criación dunha nova forza política post-nacionalista (e si, o post-nacionalismo non é nacionalismo, como o post-marxismo non é marxismo). Foi sintómatico o discurso de Carlos Aymerich, guest starring no mitin de Anova, e a súa aposta na constitución dunha organización na que podan conviver nacionalistas e non nacionalistas. Se este é o componente soberanista das Mareas...Tiremos dese fío, unha organización unitaria na que podan partillar militancia desde federalistas até independentistas non ten nada de política nova, nen moderna. Está todo inventado. En Catalunya chamábase Iniciativa per Catalunya. Naturalmente no momento en que o conflito co Estado se agudizou, IpC deixou ver o que era, basicamente unionismo 2.0. Romeva viuno claro e acabou de mans dadas con Mas e Junqueras.

Que as Mareas como tais non digan nen chío no día por excelencia de reivindicación dos dereitos nacionais da Galiza di moito sobre a súa carencia dun proxecto específico, xenuíno, para o país. A retórica da unidade popular nos beizos de Martiño Noriega ou Xulio Ferreiro ecoa os mesmos argumentos nacional-populares de Errrejón na superferolítica entrevista deste domingo en El País. Se os proxectos son intercambiábeis, se o que se di aquí se pode dicer en Madrid e ás avesas, entón é que o proxecto da Marea non é un proxecto específico, xenuíno, para este país. 

Mentres, Compromiso por Galicia, no vaporoso espazo do galeguismo e socialdemocracia no que tamén quer petiscar Leicega, continúa a desenvolver un proxecto para o medio prazo, sen posibilidade real de influír no presente, un chisco como a iniciativa popular independentista que ficou esgazada coa ilegalización de Causa Galiza e que, embora o meritorio traballo da súa militancia, está moi lonxe aínda de ter dinámica suficiente para incidir na sociedade (para chegar ás grandes masas populares, como se diría en termos clásicos).

Visto o visto, o BNG obtén un considerábel suceso ao mobilizar os sectores sociais máis afíns ao seu proxecto soberanista e de esquerdas. O BNG na rúa continúa a ser unha forza considerábel. O desafío é transformar esa potencia social en papeletas nacionalistas nas urnas en apenas tres meses. Ese é traballo de Ana Pontón e o resto de candidatas e candidatos. Teñen un proxecto de país que facer valer.

Comentarios