Opinión

As profecías de Luís Villares

Xa como portavoz e presidente do grupo parlamentar de En Marea, Luís Villares deixou dúas profecías na súa entrevista deste domingo en SER-Galiza. A primeira, que Feijóo non esgotará mandato porque migrará a Madrid. A segunda, que En Marea non repetirá a peripecia de desagregacións e cisións varias que sofreu na pasada lexislatura AGE.

A primeira profecía remite para un argumento clásico de todas as forzas políticas da oposición. A xulgar polos resultados do 25S, é un torpedo que non dana en absoluto o portavións conservador. Antes ao contrario, beneficia o PP. A base eleitoral da formación direitista é feliz de saber que na Galiza teñen un dirixente desexado por Géneva. O galego que triunfa en España cotiza sempre á alza no noso país. É certo que este terceiro mandato é verosimilmente o último de Feijóo na Galiza, mais teimar na súa data de caducidade en pouco vai axudar á oposición a levantar unha alternativa verosímil. Feijóo, alén do máis, está tan forte que pode marchar indixitando sucesor. Mesmo desde Madrid podería continuar a liderar a direita galega.

A segunda profecía é un desiderátum inevitábel. Villares non pode dicer outra cousa. A verdade é que En Marea ten unha maior complexidade do que AGE. Formalmente é un partido, e niso teima muito o agora portavoz, mais materialmente non o é. Este mesmo sábado, Esquerda Unida pedía máis protagonismo en En Marea e enfatizaba que non vai desaparecer como axente político. Podemos, moito máis aínda. Lembremos que a actual dirección do partido na Galiza -e o groso da súa afiliación internética- só aceitou a integración no partido instrumental após o diktat de Pablo Iglesias vía twitter.

Villares esfórzase por transmitir a idea de que existe unha coesión total entre os distintos componentes de En Marea, mais predica no deserto, non existe tal coesión nen sequer no interior do partido hexemónico nese movimento -un Podemos en que o seu secretario xeral, Pablo Iglesias, admite xa abertamente que as diferenzas que o separan de Errejón son "estratéxicas".

A construción dunha alternativa a Feijóo tampouco exixe dos dirixentes da oposición que mostren dotes adiviñatorias

En realidade, a construción dunha alternativa a Feijóo tampouco exixe dos dirixentes da oposición que mostren dotes adiviñatorias. Bastaría que fosen capaces de entender que mentres o 50 por cento do eleitorado deste país estea tan satisfeito como para votar PP ou Cs, non haberá hipótese nengunha de mudanza política na Galiza. Conquistar parte dese voto é a tarefa. E para facela o mellor é non desaproveitar nen un só día da nova lexislatura e non desbaldir tempo nen en técnicas de politica espectáculo nen en vender motos incomprábeis -a mercadoría de que na confluencia todos están entusiasmados coa idea de En Marea ser un partido é incomprábel, non vexo nin Podemos nin EU batendo palmas. A ver, acabou a campaña, o 21O constitúese o novo Parlamento, maduren e vaian vostés ao Pazo do Hórreo a faceren propostas serias, solventes e realizábeis.

Comentarios