Opinión

Podemos non se quere diluír, Anova si

Podemos está aínda a perfilar o seu proxecto político, coa dúbida hamletiana entre aprofundar na chamada hipótese populista (Errejón) ou ancorar de vez nos caladoiros da socialdemocracia (Iglesias). En todo caso, non ten dúbidas sobre a súa capacidade de manter en pé a súa marca sen camuflaxes. Podemos cre que pode. Anova, en troca, cre que non. Primeiro, contribuíu para o que chaman unidade popular como consecuencia lóxica do Yes We Can't de Beiras, ou sexa, da ideia de que Galiza por si mesma non pode (a diferenza de Euskadi e Catalunya) e que precisa de aliados na esquerda estatal. O nacionalismo así veríase abocado á súa dilución. Primeiro en AGE (unha coligazón), despois en En Marea (outra coligazón). Mais a dilución era aínda insuficiente, compría reducirse en doses homeopáticas maiores. Aí xurdiu a tese do partido instrumental, do partido de adscrición individual, do partido de nacionalistas e non nacionalistas. Como o nacionalismo por si mesmo non pode, Anova tampouco. Esa é a lóxica que preside os movimentos da formación de Beiras.

Podemos está persuadida de que a parte do león dos sucesos eleitorais das mareas se debe ao seu eleitorado. Por iso non quer ouvir falar de desaparecer como marca no océano no que quixeran surfear Ferreiro e Nogueira. Podemos, alén do máis, ten ollos e ve os resultados do Ministerio de Interior e observa que a confluencia que tivo piores resultados nas nacións sen Estado foi a galega. A pergunta subseguinte é inevitábel: que me achegan eleitoralmente Anova e as mareas?

Podemos está persuadida de que a parte do león dos sucesos eleitorais das mareas se debe ao seu eleitorado

Non haberá dilución de Podemos. A marca de Iglesias propón unha coligazón. Ir ás eleccións como En Marea Podemos valeríalle perfeitamente, tendo como modelo En Comú Podem. Mentres, Anova ficaría como corrente nacionalista da Marea, con algúns elementos dentro teorizando sobre o post-nacionalismo, con aliados como Xulio Ferreiro que soñan con ser a réplica na Galiza de Colau e cunha Esquerda Unida que está moito máis próxima de Pablo Iglesias que de Cayo Lara. E cun problema engadido a maiores: como xestionar o post-beirismo, a fase que sucederá ao The End do epílogo político de Beiras.

Comentarios