Opinión

Pode o Rexenerador ser amigo íntimo do Conseguidor?

O PP está indignado coa corrupción, coitadiños, como se o PP non fose en boa parte responsábel dela.

O PP está indignado coa corrupción, coitadiños, como se o PP non fose en boa parte responsábel dela. Rajoy pide perdón pola corrupción como se el non fose quen no seu momento elevou a Bárcenas de xerente a tesoureiro do partido. E Feijóo ou ben di que non militaba no partido en determinados momentos, a época de Pablo Crespo como secretario de Organización do partido, ou ben se pon de perfil ou ben se presenta perante o público como Feijóo o Rexenerador, el, o tipo que limpará isto.

Que a sociedade está farta da corrupción? Pois o PP estáo aínda máis. Esa é a liña de defensa do partido.

O Rexenerador non pode ser amigo íntimo do Conseguidor, o Rexenerador non pode equivocarse tanto ao elixir os seus amigos

Aliás, esa liña non se ten de pé despois da performance de Feijóo esta mañá no Pleno do Parlamento. Acertou Jorquera facendo aflorar a foto do Conseguidor nas touradas de Pontevedra. Acertou facendo as perguntas clave. "Coñece esta foto? Está vostede co conseguidor de Crespo, con Rajoy, con Louzán, con Rueda. A que se refería Pachi Lucas, conseguidor de Crespo, cando nunha mensaxe dicía que vostede vai ser chave?". Esa pergunta é moi concreta. Esa pergunta vai ao miolo. Esa pergunta ten que ser contestada se un quer arrogarse o papel de Elliot Ness, o incorruptíbel.

Feijóo non contestou. Feijóo fintou a pergunta. Optou por inverter os papeis e tornarse el no fiscal. "Din que vou ser chave; non teña ningunha dúbida, vou ser chave: todos ao fiscal", bradou con certa impostación.

Mais a táctica de Feijóo é un xigante con pés de barro: o Rexenerador non pode ser amigo íntimo do Conseguidor, o Rexenerador non pode equivocarse tanto ao elixir os seus amigos, quizá podería se o Rexenerador fose un cidadán anónimo, mais non o é, xestiona un orzamento de máis de 8.000 millóns de euros, é o presidente do goberno galego, e debe render contas do que fai perante o Parlamento, pois nel está representada a sociedade galega. Non o fixo Feijóo. Mal feito, quen actúa así, quen vira as costas ao Parlamento, comeza a converterse nun presidente politicamente ilexítimo.

Comentarios