Opinión

Panama Papers

Hai noticias que en realidade teñen pouco de surprendentes e, portanto, pouco de noticias. Por exemplo, a descuberta da xigantesca trama de evasión/fraude fiscal baptizada como os Papeis de Panamá. Ben, con independencia dos nomes concretos, todos sabíamos que isto ocorría, que isto ocorre. Que obecede a unha forma moi determinada de como se organiza a nível global o capitalismo financeiro, que é o único capitalismo realmente existente. O relevante non é, portanto, esculcarmos que nomes e apelidos aparecen nos Panama Papers, ese rexoubeo de sabermos se alén de Messi está tamén Cristiano Ronaldo. Non, o relevante é investigarmos por que isto continuará ineluctabelmente acontecendo, sexa en Panamá, Luxemburgo, Andorra ou nos Barbados.

Se o capitalismo non foi reformado non foi porque Sarkozy carecese de vontade política de lidar com a tarefa: non foi refundado porque é irreformábel. E os paraísos fiscais, esa sorte de buracos negros que drenan a riqueza criada pola xente traballadora cara aos petos das minorías abastadas, son tan consustanciais ao capitalismo como o é a explotación do plusvalor do traballo por parte do capital.

O relevante non é esculcarmos que nomes e apelidos aparecen nos Panama Papers, ese rexoubeo de sabermos se alén de Messi está tamén Cristiano Ronaldo

Ben, ollemos a ver se hai nomes e apelidos galegos nos Panama Papers, non me opoño, mais ollemos un pouco alén da anécdota e vaiamos á categoría. E, sobre todo, non caiamos na ilusión de que isto se arranxa pondo nos gobernos xente máis guay e cool. Este día dixo Beiras algo así como que un golpe de Estado na UE impede a Syriza aplicar a súa política (reformista). Aí está o nó gordiano da cuestión. Se o reformismo consiste na impotencia de denunciar na oposición para logo, desde o goberno, limitarse a dicer que facemos o que facemos (as mesmas políticas monetaristas que a direita ou os social-liberais) porque nolo impoñen os golpistas de Bruxelas, de que vale o reformismo?? De que vale indignármonos perante os Panama Papers se sabemos que neste momento hai outros nomes e outros apelidos noutros papeis semellantes, noutros paraísos fiscais xémeos??

Superemos pola esquerda a Sarkozy e digamos que o capitalismo non hai que refundalo: hai que deixalo atrás.

Comentarios