Opinión

Por que Pablo Iglesias se define como socialdemócrata?

Pablo Iglesias defínese agora como socialdemócrata non porque caíse de ningún cabalo e sofrese unha súpeta conversión ao credo de Willy Brandt, senón porque lle é funcional en termos de rendibilidade eleitoral e se algo é Pablo Iglesias é unha máquina de coleccionar votos. O líder do partido morado defínese agora como socialdemócrata porque o verdadeiro albo da súa campaña é o PSOE, ao que convenientemente define como “vella socialdemocracia”. Iglesias reedita así a dialéctica entre o novo e o vello, só que antes a utilizaba para salvar a fenda entre esquerda e a direita -para se posicionar nunha sorte de neocentrismo populista- e agora a estabelece entre a “nova socialdemocracia” (obviamente mega-guay) e a “vella socialdemocracia” (xa saben, os ERES de Chaves e Griñán, a cal viva, Felipe González como conselleiro de plutócratas...).

O líder do partido morado defínese agora como socialdemócrata porque o verdadeiro albo da súa campaña é o PSOE

É sintomático que Errejón (o ideólogo de Podemos como catch all party, Partido Nacional Español Patriótico Plurinacional Nen de Esquerdas Nen de Direitas) escorrente a etiqueta de socialdemócrata porque, vamos a ver, tampouco é que neste momento a socialdemocracia viva o seu mellor momento en Europa. Eis temos Hollande, tentando competir coa direita cunha reforma laboral que abarata os despedimentos e que ten desencadeado un potente movimento en contra por parte da clase traballadora francesa. Ou as tribulacións de Renzi para conter a Beppo Grillo. Ou a conversión da nova socialdemocracia de Syriza ao pragmatismo pro-Bruxelas. Non, chamarte socialdemócrata non che garante conseguir a maioría eleitoral. Entón? Entón é que o obxectivo non é realmente gañar as eleccións, senón desprazar o PSOE do nicho da socialdemocracia no Estado e blindarse durante catro anos para, desde a oposición, se configurar como a alternativa ao novo goberno...de Rajoy!!

Xa o teño escrito: Iglesias non quere gañar agora (miña madriña, calquera goberna coa nova tesourada que exixe Bruxelas!), non quere ser o novo Tsipras, todo o que fai ten como único propósito pasokizar o PSOE e se tornar no monarca absoluto da socialdemocracia, unha ideoloxía que, alén do máis, de nova non ten nada: existe desde que a principios do século XX antigos dirixentes marxistas -desde logo non os que se mantiveron leais ao legado de Marx e Engels- decidiron renunciar á perspectiva do socialismo e apostar en administrarlle paliativos ao capitalismo de toda a vida.

Iglesias pensa en 2020, ano en que non asaltará ceo ningún, que para iso xa vai afrouxando o nó da gravata.

Comentarios