Opinión

Novas eleccións?


OK, supoñamos por un momento que Sánchez fracasa no seu propósito e que voltamos ás urnas. De acordo cos arúspices do CIS, os movimentos do taboleiro serían microscópicos. Mais unha vez o principio da incerteza de Heinsenberg. Unha nova convocatoria non alumearía ningún camiño, mais ben o escurecería, abocados como estamos a un empate eterno.

Que poderíamos agardar intuitivamente dun novo combate eleitoral? Certa redistribución de votos nos blocos centro-direita e centro-esquerda. Si, amigas e amigos, a vella política de toda a vida. Se algo aprendimos desde o 20D é que ese é o eixo que continúa a mover a política no Estado. Se tendes algunha dúbida reparade no que está a facer Pablo Iglesias: propón un acordo co novo (Ciudadanos) ou co vello (PSOE)? Bingo!! Faino co vello. É un acordo para asaltar ceos ou para abrir procesos constituíntes? Para nada, é un acordo para implementar políticas socialdemócratas, un pouco na esteira das que faría, se algunha vez chega a Downing Street, Jeremy Corbyn. Neokeynesiasmo e pouco máis.

Se Podemos non acorda agora co PSOE, tampouco estaría en condicións de acordar despois dunhas eleccións

Dubido moito que haxa novas eleccións. Se os dous fragmentos en que está dividida agora a esquerda española non se poñen de acordo agora, por que se ían pór de acordo despois? Se a Pablo Sánchez non lle vale a reforma constitucional que propón agora aquel a quen aceitaría en teoría como presidente de verdade pensa que este asumiría a vicepresidencia -e o referendo de Catalunya- nun eventual reaxuste de posicións no bloco centro-esquerdista?

Creo que as dúas ofertas da esquerda española están condenadas a se entender, nomeadamente porque Podemos é un partido feito non para estar no 25%, senón para ser maioritario. Se Podemos non acorda agora co PSOE, tampouco estaría en condicións de acordar despois dunhas eleccións. Podería ser segunda forza, si, mais ficaría tan isolado e tan carente de aliados como está agora o PP. Iso tornaríao nun partido protesta (un partido indignado), mais non nun partido para xestionar o sistema. Ser maioritario en España exixe determinadas cousas (Hugo Chávez?? De verdade que non me lembro dese tipo). Si, exixe determinadas cousas. A mítica realpolitik. Xa veremos logo como a defende Ada Colau en Barcelona.

PD: En Marea comete un erro táctico garrafal ao non negociar por separado con Sánchez. Mais esa é outra historia.

Comentarios