Opinión

Norwegian Air, a Rosalía non a debes chamar nunca española

Nun dos seus versos máis programáticos, tamén máis desgarrados, Rosalía deixou escrito: "Probe Galicia, non debes chamarte nunca española". A grande poeta nacional tiña unha clara consciencia de pertenza a un pobo definido, a un pobo que se explicaba a si proprio como un planeta en si e para si, non como un satélite de nengunha metrópole. E púxoo por escrito, nun acto de enorme valentía naquel tempo -e tamén, val dicer, neste-, nomeadamente para quen aspiraba a se tornar nunha escritora profisional (co mercado español, claro, como un dos destinatarios da súa obra).

Este día, unha compañía de aviación norueguesa tivo a feliz ideia de honrar Rosalía pondo a súa imaxe na cola dun dos seus boeings. Decontado pensei o evidente: que contraste coa negación/ocultación/deturpación que sofre a súa figura no proprio país aos ollos de centos de miles de compatriotas! Norwegian Air explicaba a escolla da autora de Cantares Gallegos, con poderosos argumentos, o seu feminismo pioneiro, o seu compromiso a prol da lingua nacional, da lingua das e dos oprimidos. O problema veu despois, cando lin que o retrato serigrafiado levaba unha sorte de pé que rezaba: Spanish Author. Nunca a felicidade é completa!

Autora española? A serio? Non cabe maior descoñecimento da figura de Rosalía que lle apór unha nacionalidade distinta á galega. Nen era española de nación nen a súa obra pertence á literatura española. En realidade, non estamos perante un detalle menor. É así infelizmente como nos ve o mundo, non como unha realidade completa, senón como un apéndice, un eco, unha sombra, non como nós proprios, senón como unha parte de outros, que nen somos nós nen nos explicamos por eles.

Amigas e amigos de Norwegian Air, a Rosalía non a debedes chamar nunca española. Respeitade a súa obra, a súa memoria, o seu legado. Respeitade o seu pobo. Chamádelle o que era. Galega.

Comentarios