Opinión

Nisman e a hipótese de Verbitsky

Na espléndida entrevista que lle fixo a xornalista Belén Puñal no número 141 de Sermos Galiza

Na espléndida entrevista que lle fixo a xornalista Belén Puñal no número 141 de Sermos Galiza -unha conversa tida en Bos Aires-, o tamén xornalista e intelectual arxentino Horacio Verbitsky esboza unha tese muito suxerente en relación ao caso Nisman, o trhiller que mantén tenso o país desde que este fiscal, en circunstancias aínda por esclarecer, apareceu morto, unha bala furoulle o cráneo, o día antes de comparecer perante o Congreso para presentar unha denuncia contra a presidenta Cristina Fernández de Kirchner por suposto encobrimento de axentes iranianos no coñecido como caso AMIA.

Rebobinemos a historia. O 18 de Xullo de 1994 prodúcese un brutal atentado contra a Asociación Mutual Israelita Arxentina, a AMIA, unha entidade emblemática para a comunidade xudea de Bos Aires. Morren 85 persoas, 300 fican feridas. As sospeitas oficiais diríxense decontado contra os servizos secretos iranianos. 12 anos despois de longas pesquisas, a xustiza arxentina -após as investigacións conducidas por Nisman, que fora nomeado para conducir as pescudas por Néstor Kirchner- imputa Irán como responsábel intelectual do atentado e Hezbolá e a intelixencia do país persa como os responsábeis materiais da matanza. 

A acusación é gravísima e cría unha enorme tensión entre Bos Aires e Teherán. Néstor Kirchner leva o asunto en 2007 á asemblea xeral de Nacións Unidas: acusa Irán de non querer colaborar no esclarecimento do atentado. O chanceler iraniano responde tamén con dureza, nega os cargos e atribúe os ataques arxentinos á influencia sionista.

Pasan os anos e en 2013 arxentinos e iranianos acordan unha abordaxe distinta do conflito. Cristina Fernández Kirchner e o presidente iraniano, Mahmud Ahmadineyad, asinan un memorando de entendimento e conveñen en criar unha comisión da verdade. As concesións de Teherán son grandes: aceitan que os investigadores arxentinos se desloquen ao país persa e interroguen os sospeitosos.

Que ía saír gañando CFK coa eliminación física de Nisman se o caso contra ela era xuridicamente tan endeble?

Mais todo fica en nada. O acordo ten detractores quer na Arxentina quer en Irán, os sectores máis estremistas dos respectivo establishments. En maio de 2014 a cámara federal do país austral considera inconstitucional o memorando. En Teherán nunca chegou a ser aprobado polo Parlamento e Ahmadineyad suportou ataques por suposta claudicación perante unha potencia estranxeira.

Claro que o pior para CFK, o acrónimo co que se coñece popularmente Cristina Fernández Kirchner estaba por chegar. O 14 de Xaneiro de 2015, Nisman acusa CFK de procurar a impunidade dos terroristas en troca de vantaxes comerciais para o país (petróleo iraniano a cambio da soxa arxentina). Un xiro dramático da historia -difícil imaxinar acusación máis seria nunha democracia- a 9 meses dunhas eleccións presidenciais cruciais para o futuro do país.

O caso contra CFK era moi fráxil

A vida de Nisman durou apenas 4 días máis após formalizar a denuncia, co cal as sospeitas estaban servidas e se focalizaban na Casa Rosada.

Mais o caso contra CFK é moi fráxil. A xustiza desbota a denuncia de Nisman. A Interpol desmente que a presidenta se movese para garantir a impunidade aos imputados iranianos. Non hai petróleo persa para Arxentina.

Que ía saír gañando CFK coa eliminación física de Nisman se o caso contra ela era xuridicamente tan endeble e o desaparecimento do fiscal xusto o día antes de declarar sería endosado con toda seguridade á Casa Rosada?

Cabos revelados por Wikileaks revelaban, aliás, que a pista iraniana non era a única verosímil. Había outros fíos que, vía Carlos Ménem, podían conducir a Siria...

Foi Wikileaks quen deu pistas que permitiron deseñar outro escenario. Nisman era un pión no taboleiro de xadrez da embaixada norteamericana e as súas pesquisas sobre a AMIA foran teledirixidas por Antonio Jaime Stiuso, un elemento escuro dos servizos secretos arxentinos purgado por CKF en decembro pasado. Cabos revelados por Wikileaks revelaban, aliás, que a pista iraniana non era a única verosímil. Había outros fíos que, vía Carlos Ménem, podían conducir a Siria...

O ataque de Nisman a CFK era un duplo torpedo: contra unha presidenta incómoda para a dereita arxentina e para Washington e contra un país incómodo para o imperialismo, Irán. 

Mais é aquí onde Verbitsky introduce un matiz muito interesante. “O caso Nisman é contra Cristina, mais tamén contra Obama”, di o xornalista de Página 12. Contra Obama? Si, porque neste momento o presidente dos EUA procura un acordo histórico con Teherán, un acordo que non é do gosto da dereita republicana e de sectores poderosos do complexo industrial-militar hexemónicos en Washington.

Supón isto que Obama xa non é imperialista? En absoluto. Que queira reconducir as súas relacións con Cuba e Irán non significa que o inquilino da Casa Branca abxure do rol dos EUA como única superpotencia no planeta. Simplesmente significa que o líder dos EUA é consciente de que as políticas praticadas até agora con Teherán e A Habana non son útiles para os obxectivos que el persegue, e que por suposto son manter a hexemonía imperial norteamericana [aliás, lembremos que Nixon non deixou de ser imperialista por se reunir con Mao Zedong].

Interesante a tese de Verbitsky. Sáese do carril. É incisiva. É o que ten o bon xornalismo.

Este artigo viu a luz nas páxinas de opinión do número 142 de Sermos Galiza, disponíbel nos pontos habituais de venda e na nosa loxa.

Comentarios