Opinión

Negociación a 4

Catro están a negociar con Schez. Non é que o diga eu, é que o din os meios españois, que son -lembrade que vivemos nunha colonia- os que fabrican a opinión maioritaria na Galiza (os meios sistémicos galegos son mero eco daqueles). Non é o que digan os meios españois, é que o di Pablo Iglesias. Esta mesma terza feira, en conversa con Pepa Bueno, o líder de Podemos veu dicer que aquí hai basicamente dúas opcións: ou o PSOE se entende coas dereitas (PP+Cs) ou Schez chega a un acordo "con nós, con IU e con Compromís". E xa sabemos a quen patrimonializa Iglesias nese Nós.

En realidade, isto é unha consecuencia lóxica do erro primixenio de En Marea de non pasar ao Grupo Mixto, tal e como si fixo Compromís. Catro están a negociar con Schez e a lóxica negociadora de Podemos+Confluencias pasa basicamente polos intereses políticos do grupo da Complutense madrileña que controla esa formación. O documento de Anova que trascendeu esta segunda feira -e no que se admite que En Marea carece de autonomía no Congreso- está no certo. Aquí no Cartafol veño advertindo modestamente sobre iso desde o minuto 0 do partido. Ben, e a partir dese recoñecimento, que? Anova vive unha contradición dificilmente solúbel: como representación política de Galiza que aspira a ser (dada a súa definición como nacionalista) non ten moito sentido que se insira nunha unidade superior que a abafa, por moito supra-nacional e confederal que esta se adubíe, porque, como se está a ver, isto limita extraordinariamente non só a súa proxección pública, senón a identificación dos intereses galegos coa súa marca.

O documento de Anova que trascendeu esta segunda feira -e no que se admite que En Marea carece de autonomía no Congreso- está no certo

Dito en termos algo tópicos, Anova ten que decidir que quer ser de maior. En Comú Podem teno máis claro: será corrente dun partido non nacionalista, o que vai liderar Ada Colau, e que presumibelmente se torne no socio de referencia de Podemos en Catalunya (algo así como a reencarnación de Iniciativa per Catalunya). Ese é o modelo de Anova? Ser corrente dun partido político non soberanista galego, non nacionalista, alicerzado sobre a actual En Marea, unha formación política que dá acubillo a dirixentes de obvia querencia xacobina como o podemita García Buitrón?

Ten Anova por diante esa saída do labirinto. Mentres tanto, os meios españois -tamén os próximos a Podemos- e o propio Pablo Iglesias continuarán a falar de "negociación a 4", con Galiza -que non Valéncia, eis Joan Baldoví- desaparecida en combate.

Comentarios