Opinión

A morte como mercadoría eleitoral

Un mesmo feito luctuoso -a morte súpeta de Rita Barberá- foi usado esta cuarta feira como mercadoría eleitoral por dúas forzas políticas que formalmente se sitúan nos polos opostos do cuadrilátero. O PP usou a solidariedade humana elemental co desaparecimento dun semellante en beneficio propio, non tanto para reivindicar a memoria da vítima, como para se reivindicar a si proprios (a corrupción de Barberá non era a dunha persoa individual, era unha obra coletiva, partidaria). Estamos nunha sociedade católica -ou post-católica, a estes efeitos tanto ten- e nada lava máis os pecados do que a morte. Morte con resurrección. Non para Barberá, que xa non xoga, senón para o partido, of course.

Podemos tamén fixo un cálculo concreto de custos e beneficios. Niso Podemos é unha complexa máquina, seguramente a máis sofisticada do mercado. Ten, porén, un pequeno defeito de fábrica: non sabe ser discreta e a súa voraz procura do primeiro plano lévaa ás veces a cometer erros de vulto. Na balanza impúxose a desmarcaxe dos outros e as outras. Podemos concibe a política así: nós e os outros e as outras. Eles farán o minuto de silencio, demasiado fardo cristiano nas súas mochilas, pois nada, nós ficamos fóra do hemiciclo. E para quen pensades que serán os titulares?

No capitalismo a procura da rentabilidade acaba por invadir todos os espazos da vida. A política burguesa, que é a hexemónica e que o será durante previsibelmente moito tempo aínda, é a política da procura da rentabilidade (eleitoral) en todo ámbito, en todo momento. É unha actividade só apta para depredadores. Os escrúpulos morais son unha rémora. PP e Podemos acreditan que para triunfar nesta política o único criterio moral a ter en conta é o que te achega á vitoria. Levan todo e a todos por diante. Só se teñen consideración a si proprios (e con reparos, se fai falta desfacerse dun dos seus tamén o fan). Non respeitan nada. Tampouco a morte.

Comentarios