Opinión

A militancia do PSOE evita o suicidio

Se Mariano Rajoy e Pablo Iglesias desexaban o triunfo de Susana Díaz nas primarias do PSOE, o instinto de supervivencia da militancia socialista non podía producir máis que un resultado, o retorno de Pedro Sánchez á secretaría xeral do PSOE. Québrase así un deseño do establishment e da oligarquía sistémica, que devecía por un PSOE asimilábel ao SPD alemán, isto é, unha muleta do Partido Popular no goberno. A derrota de Susana Díaz é a derrota dun residuo do bipartidismo agonizante e é sinal tamén inequívoco de que o réxime de 1978 está a dar paso a outra cousa.

Rajoy quería a vitoria de Díaz porque non se fía de Ciudadanos (con Rivera a soñar nun remake do fenómeno Macron no Estado). Iglesias quería a vitoria de Díaz porque lle ía ben para colonizar definitivamente o flanco esquerdo do eleitorado do PSOE. Algo máis da metade da militancia socialista -contra as presións do aparato, contra o legado do felipismo e do zapaterismo, contra os diktats de El País- decidiu que o que é bon á vez para o PP e para Podemos non pode ser bon para o PSOE. Decidiu, pois, non suicidarse.

Mais a guerra continúa. A xulgar pola performance desabrida da líder andaluza na súa comparecencia en Ferraz após se coñeceren os resultados, a fronte interna está lonxe de estar pacificada. O editorial de El País -homologando o triunfo de Sánchez co Brexit ou coa vitoria de Trump- deixaba claro que os peóns do establishment dentro do Partido Socialista continuarán a encirrar todo o que poidan. Non terá paz Sánchez, con Rajoy e Iglesias a tentar facer un sandwich con el no medio.

Algo máis da metade da militancia socialista decidiu que o que é bon á vez para o PP e para Podemos non pode ser bon para o PSOE

O novo PSOE de Sánchez ten, aliás, non poucas materias por diante que esclarecer. Está ben entoar A Internacional co puño en alto no sancta sanctorum de Ferraz, mais, acenos á marxe, que política económica vai defender o retornado secretario xeral: a que acorden en Berlín o seu correlixionario Schulz con Merkel ou unha ruptura que reverta a favor do traballo os gaños descomunais acumulados polo capital desde 2008? Item máis: denunciará Sánchez a política imperialista de Trump a próxima vez que os EUA agredan Siria ou ameacen Corea do Norte ou manterase na tradicional liña proWashington do seu partido, aquela que levou Javier Solana á secretaría xeral da NATO? E despois está, claro, a cuestión nacional. É un paso adiante do secretario xeral eleito outorgar a España o título de estado plurinacional, mais é un contrasentido falar de nacións e a seguir confinar o exercicio da soberanía -da libre autodeterminación- ao Estado e non a cada unha das nacións que o configuran. Unha nación sen direito a decidir é como unha cidadá sen direito de voto.

Sánchez é un supervivente e está a mostrar que é un político pragmático, capaz de conciliar distintas faccións e intereses antagónicos (supera 80 por cento do voto en Catalunya coa súa definición de España como nación de nacións, mais iso non lle impide obter un nada desdeñábel 36 por cento de voto na Andalucía susanista). O seu triunfo, con todo, ten como chave o desexo da militancia do PSOE de sobreviver como marca autónoma, non como un satélite do PP. A partir de agora, toca tomar posición e optar. Non se pode construír unha alternativa verdadeiramente progresista no Estado sen cuestionar a serio as políticas de Bruxelas-Berlín, o militarismo imperial dos EUA e o dogma da soberanía estatal española.

Comentarios