Opinión

Mas tira "endavant"

Mas vai avante, Mas non se para, Mas sabe que ou se move para adiante ou está morto politicamente, el e a causa que el representa.

Mas vai avante, Mas non se para, Mas sabe que ou se move para adiante ou está morto politicamente, el e a causa que el representa.

Acho que Mas actúa por instinto político, mais tamén, vouno dicer, a risco de ser considerado inxenuo, por patriotismo e por sentido da responsabilidade perante a súa sociedade e tamén perante a historia, isto é, perante as próximas xeracións.

O ideal sería concorreren nunha listaxe conxunta pola independencia nas plebiscitarias, unha listaxe que non liderasen nen Mas nen Junqueras nen Fernández

O Govern non podía aceitar sen máis o veto antidemocrático do Estado español. Tíñao relativamente doado, como subliñou Mas na súa comparecencia perante os meios, bastáballe con apelar á ruptura do consenso con ERC e a CUP, para tirar a toalla. Non o fai, felizmente. Porque esta é unha batalla non de corto prazo, senón de meio-longo, e calquer erro táctico pode comprometer a guerra no plano estratéxico.

Non está mal a saída que propón Mas, nada mal. Primeiro, a mobilización da sociedade conxuntamente co Govern, na consulta con participación popular do 9-N. Necessitem més gent que Mai. Segundo, a transformación dunhas eleicións plebiscitarias no referendo real. Terceiro, non o dixo, mais se infire do que dixo, e caso de os soberanistas gañaren, a declaración de independencia.

Hai algunha alternativa factíbel a esta proposta? Se a hai, que se poña acima da mesa.

Creio que é o momento de as forzas soberanistas poren o país por diante e esqueceren as ambicións partidarias e/ou biográficas. O ideal sería concorreren nunha listaxe pola independencia nas plebiscitarias, unha listaxe que non liderase nen Mas nen Junqueras nen Fernández.

Conseguir ese acordo histórico para conformar un bloco único independentista é o desafío. Iso é o que realmente lle poría máis medo ao Estado español. Ese é a baza gañadora na partida soberanista.

Comentarios