Opinión

Mas mantén o tipo

Non era doado, porén Mas mantivo o tipo ante Rajoy.

Non era doado, porén Mas mantivo o tipo ante Rajoy. Non era doado: por un lado, a presión de Duran i Lleida. Por outro, o debilitamento de CDC após transcender que Pujol non era o menestral austero que a propaganda pintou durante décadas, após se saber dos negocios corruptos da súa familia.

Mas amagara durante as semanas previas. As perguntas, a data. Todo podía estar en cuestión. Todo menos a consulta. Mas é un político, non un kamikaze, e os políticos costuman ter moi activado o instinto de supervivencia. Aliás, os seus acenos bateron co búnquer. Nada se move na Moncloa. O PP é hoxe NON, NON e NON. O gurú Arriola está convencido de que Catalunya está eleitoralmente perdida e que a única baza que ten Rajoy é a de españolear en España. E a iso xoga (con Pedro Sánchez, novo e carca á vez, a disputarlle agora esa bandeira).

España vocea que Mas é un monicreque de Junqueras porque ao que España aspira é a que Mas rache con ERC e ou se vaia para casa ou se entregue a Duran i Lleida, que este si é un home sensato, con este Madrid si se pode entender, din os arautos do sistema.

Todos sabíamos que Rajoy é demasiado preguiceiro para saír do búnquer. Só ficaba unha incógnita por despexar. Sería Mas quen de aguantar a súa posición, a súa aposta na democrática consulta? A resposta é si. Mas aguanta. Hai partido.

Comentarios